Sarria e Paradela acollerán a rodaxe da curtametraxe 'Mudanza' de Sonia Arias

Os concellos de Sarria e Paradela converteranse entre o 1 e o 3 de agosto no escenario da curtametraxe Mudanza, unha nova produción audiovisual baseada nun relato da escritora paradelense Sonia Arias, autora dos libros Los zapatos del lobo e Antes pasábase por aquí, entre outros.
O proxecto parte dun texto incluído na súa obra Manchas de frío, no que se aborda o cancro e o proceso de afrontar a morte desde unha perspectiva humana e digna.
A rodaxe contará coa participación da actriz galega Saamira Ganay, mentres que a dirección correrá a cargo de Luisje Moyano. A banda sonora será obra do compositor sevillano Jesús Calderón, reforzando o carácter emocional desta historia.
Sonia Arias destacou o seu agradecemento polas colaboracións recibidas: “O máis importante é resaltar o agradecida que estou coa patrocinación por parte das institucións e, sobre todo, das empresas privadas. É un orgullo ver como no noso pobo se apoia un proxecto cultural así”.
A curtametraxe aspira a ter un percorrido amplo e xa se anuncia a súa presentación a 140 festivais tanto nacionais como internacionais, co obxectivo de levar esta historia desde o corazón da Ribeira Sacra a públicos de todo o mundo.