Sarria enche a semana de cultura con obradoiros, teatro, música e contacontos

SarriaXa
A Casa da Cultura e a Biblioteca “Camilo Gonsar” acollen actividades para todos os públicos, desde un obradoiro de escrita ata o primeiro espectáculo do Circuíto Galego de Teatro Amador
Biblioteca-Sarria
20 Oct 2025

O Concello de Sarria presenta a súa programación cultural para esta semana, cunha ampla oferta de actividades destinadas a públicos de todas as idades. A axenda comeza o martes 21, de 19 a 21 horas, coa segunda sesión do obradoiro de escrita creativa na Casa da Cultura.

O mércores 22, de 17:30 a 18:30 horas, celebrarase o último Mércores de Contos do mes, unha cita pensada para a cativada e as súas familias arredor das historias e da imaxinación. Nesta actividade non é preciso inscribirse.

O venres 24, ás 18:00 horas, o músico Xoán Curiel presentará o espectáculo Como montar a túa banda de verán, unha proposta musical dirixida a toda a familia coa que se conmemorará o Día das Bibliotecas.

Xa o sábado 25, ás 20:00 horas, a Casa da Cultura acollerá a estrea da curtametraxe Mudanza, baseada nun relato da escritora sarriá Sonia Arias. O público poderá compartir a proxección co elenco e co director da peza.

A programación péchase o domingo 26, tamén ás 20:00 horas, co primeiro espectáculo do Circuíto Galego de Teatro Amador 2025 de FEGATEA, que traerá á vila a obra E parecía parvo! da Asociación Cultural Charamela.

Ademais, a Biblioteca Pública “Camilo Gonsar” mantén aberto o prazo de inscrición no Club de Lectura ata o 27 de outubro e continúa co Reto Lector, unha iniciativa que busca fomentar o hábito da lectura entre os usuarios.

⚙ Configurar cookies
0.064687967300415