Sarria énchese de cultura con contacontos, teatro inclusivo, música e exposicións

O Concello de Sarria prepara unha semana repleta de propostas culturais que se desenvolverán entre o 13 e o 19 de outubro, combinando narración oral, teatro, música e arte.
A programación inclúe actividades para todas as idades e con acceso libre na maioría dos casos, consolidando o compromiso municipal coa cultura accesible e participativa.
O mércores 15 celebrarase unha nova sesión dos Mércores de Contos, entre as 17:30 e as 18:30 horas, unha cita xa habitual pensada para os máis pequenos e as súas familias, que convida a descubrir o pracer das historias sen necesidade de inscrición previa. Ese mesmo día arrincará tamén o Reto Lector na Biblioteca Pública Municipal “Camilo Gonsar”, onde o público poderá solicitar a súa credencial de lectura e participar nesta iniciativa de fomento da lectura.
A partir do venres 17 abrirase ao público unha exposición da artista Susana Díaz Cabot na Oficina Municipal de Turismo, que poderá visitarse en horario de mañá. Ese mesmo día, ás 18:00 horas, o auditorio acollerá o espectáculo Elas sempre contan, da narradora Raquel Queizás, unha proposta para toda a familia que pon o broche á programación infantil da IV Mostra de Teatro Iván Tourón Morais.
O venres 17 e o sábado 18 será a quenda do Esmorga Fest, que celebra a súa décima edición coa mellor música en directo nas salas Litmar e La Unión, consolidándose como unha das citas de referencia na axenda musical sarriá.
A semana pecharase o domingo 19 ás 20:00 horas co espectáculo Nada se sabe, unha produción de Culturactiva e o Centro Dramático Galego, que traerá ao auditorio un teatro inclusivo con numerosas medidas de accesibilidade. A función contará con interpretación en linguaxe de signos, visita táctil para persoas invidentes, audiodescrición con oito dispositivos dispoñibles, programas en Braille, lectura fácil e versión ampliada para persoas con visión reducida. As reservas dos dispositivos poderán realizarse ata o xoves 16 a través do correo cultura@sarria.gal, e repartiranse por estrita orde de solicitude. Con esta proposta, o Concello de Sarria pecha unha semana cultural diversa, participativa e comprometida coa inclusión.