Sarria encheuse de música coa décima Estremonía Cantada de Peleriños

A décima edición da Estremonía Cantada, organizada pola Asociación Cultural Peleriños de Sarria, saldouse cun notable éxito ao congregar a decenas de veciños e veciñas que desfrutaron dunha tarde marcada pola música tradicional. A actividade contou coa participación de 16 grupos, distribuídos en dúas rutas diferenciadas que percorreron distintos puntos da vila.
As formacións Cantareiros do Naval, Os Ministreles, Son do Mao, Dakidoasma, As Macizas Centrais, Os Pantoxos, Gaiteiros de Goián, Foliada de Remior, A.C. Andrade, Os Parrandas, Cantareiras de Fornelas, Os TaberNos, Turbotelos, Maruxìa, Searas e Xampo foron as encargadas de encher as rúas e os establecementos hostaleiros de Sarria co seu repertorio, creando un ambiente animado e participativo.
As persoas participantes contaron cunha consumición en cada taberna incluída na ruta e tamén cunha cea final na Sociedade A Unión, onde se ofreceron bebidas como auga, viño do país ou cervexa. Unha vez rematada a cea, cada grupo interpretou unha última peza e recibiu un agasallo pola súa participación.
A xornada concluíu coa actuación do presentador Cé Orquestra Pantasma, nun ambiente festivo que puxo en valor a música popular e favoreceu a convivencia arredor do canto tradicional.