Sarria estrea un novo ciclo cultural que une música e a poesía de Marica Campo

SarriaXa
A Casa da Cultura acolle este domingo 1 de febreiro ás 18:00 horas o concerto inaugural do programa “O latexo do verso”
Ars-Combinatoria
28 Jan 2026

Ars Combinatoria, a escritora Marica Campo e o Concello de Sarria poñen en marcha unha nova proposta cultural e musical que botará a andar este domingo 1 de febreiro ás 18:00 horas na Casa da Cultura de Sarria. A iniciativa nace coa vontade de ofrecer á veciñanza encontros nos que a música dialogue con outras formas de expresión artística, abrindo un espazo compartido para a creación e a reflexión.

O primeiro concerto levará por título Diálogos entre a música e a palabra de Marica Campo e combinará música clásica coa poesía da autora de O Incio, nun formato aberto a todo o público. A cita servirá como punto de partida dun ciclo máis amplo que se desenvolverá ao longo do ano baixo o nome O latexo do verso. Encontros entre música, palabras e outras artes.

Este programa non se limitará á relación entre música e poesía, senón que irá incorporando progresivamente outras disciplinas artísticas como a danza, o teatro ou as artes plásticas, co obxectivo de crear propostas transversais e accesibles que conecten diferentes linguaxes creativas nun mesmo espazo cultural.

⚙ Configurar cookies
0.077022075653076