Sarria formará parte da volta profesional ciclista 'O Gran Camiño'
Sarria será o escenario elixido para a etapa lucense de ‘O Gran Camiño’ unha volta profesional a Galicia na que participarán equipos internacionais e, que se celebrará durante o mes de febreiro.
Será o final da volta ciclista, que pretende recuperar un espazo propio para o ciclismo profesional galego no calendario internacional. O centro histórico da vila será a meta da cuarta e última etapa da ronda galega, que se celebrará o vindeiro 27 de febreiro.
O deputado de Deportes, Efrén Castro, e o organizador do evento, Ezequiel Mosquera, fixeron o anuncio nun acto no que participaron os exciclistas profesionais Óscar Pereiro e Alejandro Paleo e o concelleiro de Seguridade Cidadá sarriao, Félix Seijas, e no que se avanzou tamén que a etapa sarriá será unha contrarreloxo.
Efrén Castro subliñou que “acoller a final do Gran Camiño, que suporá o regreso do pelotón internacional a Galiza, colocará a Sarria no foco do mundo do ciclismo, reforzando tamén a súa proxección como punto de referencia do Camiño de Santiago”. Nese sentido, sinalou que “un percorrido que ten como referencia a ruta xacobea tiña que pasar necesariamente por Sarria onde, engadiu, existe tamén unha importe afección ao ciclismo”.
Ademais da repercusión local e comarcal, o responsábel de Deportes explicou que ”co impulso a este evento, desde a Vicepresidencia da Deputación de Lugo queremos contribuír a recuperar o pulo do ciclismo profesional galego despois de anos sen estruturas e probas propias” e remarcou “o interese que ten para o país e para a promoción do deporte base ter referentes profesionais”.
Ezequiel Castro explicou que “o casco histórico de Sarria supón un escenario icónico para o final do Gran Camiño” e agradeceu a colaboración da Vicepresidencia da Deputación de Lugo para sacar adiante o evento que, avanzou, contará con equipos UCI Pro Tour, que forman parte dos pelotóns das grandes probas internacionais.
Os ex ciclistas profesionais Óscar Pereiro, gañador do Tour en 2006, e o viveirense Alejandro Paleo, que participaron na presentación do evento, evocaron esa etapa e sinalaron o potencial destes eventos como “viveiro” de ciclistas.
O GRAN CAMIÑO
O Gran Camiño terá lugar do 24 ao 27 de febreiro. Durante estes catro días, o pelotón atravesará parte dos diferentes paraxes de Galicia. Cada unha das catro provincias que conforman Galicia será protagonista nunha das catro etapas, cun percorrido moi atractivo tanto para o corredor como para o espectador, onde por seguro se vivirán grandes momentos de loita, estratexia e deportividade. En Pontevedra, onde se iniciará a rolda, a etapa discorrerá entre O Porriño e Vigo. Na Coruña, o punto de referencia da etapa será O Ézaro. Mentras, en Ourense, a saída estará en Maceda e a meta en Luíntra.
Pese a non ser un territorio moi extenso, a peculiar orografía da zona fai que sexan infinitas as posibilidades en canto a percorrido se refire, un percorrido que pronto será desvelado na presentación onde se dará a coñecer algunhas novas máis do que nos agarda a finais de febreiro.
ANTECEDENTES
Dende 1933 en Galicia existía unha competición chamada A Volta a Galicia tratábase dunha carreira por etapas que se disputou polo territorio galego e que se foi sucedendo durante os anos ata o 2000 (malia que non de xeito continuado), sendo a partires do ano 2002 relegada a categoría amateur.
Pese a isto, hoxe en día existe unha gran lista de campións que disputaron ou conseguiron o triunfo nesta carreira. Nomes históricos no mundo do ciclismo como Miguel Induráin, Marino Lejarreta, Abraham Olano, Marco Pantani, Laurent Jalabert, Claudio Chiapucci, Frank Vandenbroucke ou Álvaro Pino formaron parte ou gañaron nalgunha das súas edicións. Moitos eran os deportistas que cadraban as súas axendas para poder competir nesta carreira.
Co proxecto O Gran Camiño, búscase revitalizar esta carreira, recuperar esta cita deportiva dunha maneira vangardista e que, dende o primeiro momento conte coa repercusión, fama e nivel que no seu día tivo a Volta a Galicia, atraendo ás grandes figuras mundiais do momento.
É por iso que esta carreira terá lugar do 24 ao 27 de febreiro, encaixándose así no calendario ao adaptarse as datas e loxística dos equipos. Desta forma estase enmarcando dentro do ciclo de probas que abarca dende a Challenge de Mallorca á Vuelta a Andalucia – Volta ao Algarve, facilitando así o desprazamento de todas as estruturas que durante eses días compiten pola península.
OBXECTIVOS
Entre os obxectivos desta carreira están o de poñer en valor o patrimonio galego, con diversas rutas polas catro provincias que darán lugar a escenas de película propias da nosa terra.
Ademais de crear afección, este tipo de carreiras serven para axudar a potenciar a implantación do uso da bicicleta como medio de transporte e actividade ao aire libre, sen focalizar o evento exclusivamente na versión competitiva da bicicleta. Pódese, tamén, incidir en infraestruturas vinculadas ás dúas rodas, como os carrís bici, a recuperación de antigas vías ferroviarias para o uso da bicicleta mediante as chamadas sendas verdes. A mobilidade sostible forma parte xa do ideario común da sociedade e aí a bici xoga un papel capital.
EQUIPOS CONFIRMADOS
Entre os equipos confirmados nesta proba pódense atopar o Movistar Team, Israel Start-Up Nation, EF Pro Cycling, Cofidis, Euskadi, Atum General/Tavira/Maria Nova Hotel.