A aldea de Perros estrea un mural de Eva Mena para homenaxear á muller rural

SarriaXa
A artista Eva Mena deseñou un mural para as paredes dun cuberto situado no lugar de Perros, na parroquia sarriá de Santo Estevo de Calvor, que representa a varias mulleres vestidas co traxe típico rexional galego e que pretende homenaxear a todas as mulleres do rural de Galicia.
mural sarria muller rural
20 Out 2023

A artista Eva Mena deseñou un mural para as paredes dun cuberto situado no lugar de Perros, na parroquia sarriá de Santo Estevo de Calvor, que representa a varias mulleres vestidas co traxe típico rexional galego e que pretende homenaxear a todas as mulleres do rural de Galicia.

A concelleira do Camiño de Santiago e Turismo, Reyes Abella, sinala que esta obra da artista mural bilbaína Eva Mena está financiada a través dun convenio para a mellora paisaxística e promoción do Xacobeo no Camiño Francés, asinado pola Axencia de Turismo de Galicia, a Mancomunidade de Concellos Galegos do Camiño Francés e os concellos que forman parte dela, entre os que se atopa Sarria.

Abella adianta que a pretensión do Concello de Sarria é que varias muralistas realicen ao longo do presente mandato diferentes murais exteriores en puntos do Camiño Francés ao seu paso por Sarria, seguindo en todos eles o fío argumental de homenaxear á muller rural galega. A concelleira amosou o agradecemento do Goberno local á veciña de Perros, Josefa López Somoza, pola cesión do alpendre da súa propiedade para a realización deste primeiro mural.

Xornadas de difusión do Camiño

Por outra banda, Reyes Abella e a técnica de Turismo do Concello de Sarria, Fátima López, participarán a vindeira semana nas Xornadas de promoción e difusión do Camiño Francés que se celebrarán o luns e o martes na localidade cántabra de Potes. A cita está coordinada pola Mancomunidade de Concellos Galegos do Camiño Francés e a Fundación Camino Lebaniego de Cantabria.

Ambas disertarán sobre O valor do peregrino nas poboacións rurais. Infraestruturas e servizos en zonas con despoboamento rural. Modelos de éxito no Camiño Francés. Pola súa parte, o mesmo martes Fátima López intervirá ás 12.00 horas na mesa redonda Os camiños de peregrinación como ferramentas para dinamizar o tecido socioeconómico do medio rural, xunto co concelleiro de Comercio de Melide, Xosé Igrexas, e a técnica de xestión da mancomunidade, Socorro Pernas.

0.078508138656616