Sarria impulsa o intercambio con Guerlédan cunha charla informativa sobre o programa de acollida

Este xoves 15 de maio ás 20.00 horas, a Casa da Cultura de Sarria acollerá unha charla informativa dirixida a todas aquelas persoas interesadas en participar no programa de intercambio co pobo bretón de Guerlédan, vila coa que o concello de Sarria mantén unha relación de irmandamento desde hai máis dunha década.
O encontro busca animar á veciñanza a acoller este verán persoas procedentes de Bretaña, nun xesto de hospitalidade que contribúe a afianzar os lazos de amizade e cooperación entre ambas comunidades.
Durante a sesión explicarase como é posible colaborar, tanto ofrecendo acollida como implicándose noutras actividades vinculadas ao programa, co obxectivo de manter viva esta ponte cultural e humana entre Galicia e Bretaña.