Sarria inicia o asfaltado da rúa Diego Pazos para mellorar o acceso ao centro urbano

A partir das 08:00 horas deste martes 7 de outubro comezarán os traballos de asfaltado na rúa Diego Pazos, no Concello de Sarria, concretamente no tramo urbano comprendido entre o cruce da Cigüeñeira e a Pontevella.
A actuación é executada pola Xunta de Galicia ao tratarse dunha vía de titularidade autonómica, e realízase en coordinación co Concello e coa Policía Local.
Durante a intervención poderán producirse restricións puntuais de tráfico e estacionamento, polo que se solicita á veciñanza respectar a sinalización provisional, seguir as indicacións da Policía Local e evitar aparcar na zona afectada mentres duren as tarefas de mellora.
O novo firme permitirá incrementar a seguridade viaria, mellorar a adherencia e prolongar a durabilidade do pavimento, reducindo ao mesmo tempo o ruído e o desgaste da vía.
O concelleiro de Seguridade Cidadá, Félix Seijas, destacou que “o asfaltado entre o cruce da Cigüeñeira e a Pontevella vai mellorar notablemente o tránsito diario e o acceso ao centro urbano. A coordinación coa Policía Local permitirá minimizar as molestias e garantir unha obra rápida e segura”.