Sarria lanza a súa programación de actividades de verán para a cativada

SarriaXa
As propostas, organizadas polas áreas de Cultura, Deportes e Igualdade, están dirixidas a menores nados entre 2009 e 2021 e desenvolveranse ao longo dos meses de xullo e agosto
actividades-verán-Sarria
8 Jun 2025

O Concello de Sarria presenta a súa oferta de actividades de verán dirixida á rapazada do municipio, cunha programación coordinada polas concellerías de Cultura, Deportes e Igualdade que ten como obxectivo ofrecer espazos de lecer saudable, aprendizaxe e socialización, á vez que se facilita a conciliación da vida familiar e laboral durante o período estival.

A área de Cultura pon en marcha unha nova edición do programa “Camiños de Cultura 2025”, pensado para nenas e nenos nados entre 2017 e 2021. Talleres, manualidades e actividades lúdicas desenvolveranse entre o 1 de xullo e o 14 de agosto, de 9:30 a 14:00 horas, na Casa da Cultura. As inscricións poderán realizarse a partir do luns 9 de xuño, a través do correo electrónico cultura@sarria.gal, por rigorosa orde de chegada, xa que as prazas son limitadas.

Desde a Concellería de Deportes organízase unha nova edición do campamento “Aventura no Camiño 2025”, centrado na animación socio-deportiva para menores nados entre 2009 e 2016. O campamento terá lugar nas instalacións deportivas municipais do 1 de xullo ao 29 de agosto, tamén en horario de 9:30 a 14:00 horas. As inscricións realizaranse desde o 9 de xuño a través do correo deporte@sarria.gal.

Pola súa banda, a Concellería de Igualdade desenvolverá, dentro do Programa Sarria Concilia, unha ludoteca de verán con 155 prazas dispoñibles para nenos e nenas de educación infantil e primaria, nacidos entre 2016 e 2021. O servizo divídese en catro quendas quincenais, entre o 1 de xullo e o 30 de agosto, ofrecendo ademais opcións de madrugadores e garda ao mediodía. As actividades terán lugar no CEIP Frei Luís de Granada e no IES Gregorio Fernández, e están dirixidas a familias empadroadas con proxenitores que traballen ou estuden. As inscricións estarán abertas do 9 ao 13 de xuño, de forma presencial ou a través da sede electrónica do concello.

⚙ Configurar cookies
0.14748311042786