Sarria lembra a Xela Arias con dous actos na vila
A rúa Porvir de Sarria xa loce unha placa da poeta sarriá Xela Arias, a quen se lle adicou este ano o Día das Letras Galegas. Desta maneira, os veciños desa rúa, onde vivían os seus avós maternos quixeron recordar á escritora cunha placa que contén a imaxe de Xela de pequena.
A actuación foi unha iniciativa da asociación La Dulce Alianza, que quixo recoñecer a traxectoria de Arias, así coma a da súa familia.
Así mesmo, no acto participaron familiares de Xela Arias e veciños da rúa Porvir, así coma a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, e a secretaria, Dolores Vilavedra, xunto co alcalde de Sarria Claudio Garrido e as concelleiras de Educación e Cultura, María Eugenia Valcárcel e Reyes Abella respectivamente.
Por outro lado, tamén se levou a cabo unha actividade pensada para a xente nova e organizada polo Consello da Cultura Galega en relación a Xela Arias. A cita consistiu nun contacontos que tivo lugar na Casa da Cultura para douscentos alumnos de primaria de diferentes centros da vila de Sarria.
Charo Pita foi a encargada de realizar dous pases dun contacontos que bebe do proxecto web Xela e Gianni, que pon na rede unha serie de podcast da publicación Contos ao teléfono. Estas dúas accións xuntan a preocupación de Xela polo público infantil e, sobre todo, pola tradución de obras ao galego, labor en que Xela foi unha pioneira. O proxecto, feito coa colaboración dos herdeiros de Gianni Rodari, estará aberto ao público durante un ano.