Sarria mantén no Concello os catro grandes partidos da vila
Claudio Garrido conseguiu a vitoria con maioría simple, polo que gobernará só e dependerá dos demais partidos para calquera proxecto
O partido independente, Camiña Sarria, gañou as eleccións municipais na vila de Sarria ao conseguir o voto de 2.808 veciños e veciñas que depositaron a súa confianza en Claudio Garrido, actual alcalde do municipio, que afrontará o reto de gobernar Sarria outros catro anos máis, a súa segunda lexislatura.
Eses 2.808 votos derivaron en 7 escanos, un máis do que conseguiran nos anteriores comicios, en 2019, cando tiveran 6 e gobernaran xunto con Galicia Sempre, liderada por Benjamín Escontrela, que este ano foi o cabeza de lista do PSOE.
Desta maneira, o Partido Socialista sarriao, coa aposta en Escontrela, conseguiu un concelleiro máis este ano (3) que nas eleccións municipais de 2019 (2), cando se presentara como cabeza de lista a anterior alcaldesa, Pilar López. Así, desde o partido explican que “aínda que as expectativas eran máis altas, poñémonos a traballar desde xa para defender os intereses dos veciños e veciñas de Sarria”.
Con respecto ao Partido Popular de Carmen José López, que se presentaba por primeira vez a unhas eleccións, perdeu un concelleiro con respecto a 2019, polo que pasou de ter 6 a 5, polo que a alcaldable lamentou que “a pesar de subir en votos, non foi suficiente”.
Porén, argumenta que “quedo coa tranquilidade e a satisfacción de levar a cabo unha campaña limpa, coherente e seria, polo que debemos sentirnos orgullosos por iso, por todo o vivido e polo agarimo de todos os que apoiastes a esta candidata novata”. Así, agradeceu ao seu partido “arrouparme e permitirme formar parte desta experiencia impresionante e, por suposto, a toda a candidatura que aceptastes acompañarme neste gran reto”.
CONCELLEIROS ELECTOS
- Claudio Garrido Martínez CAMIÑA
- Reyes Abella García CAMIÑA
- Félix Seijas Fernández CAMIÑA
- María Eugenia Valcárcel López CAMIÑA
- César No Cortiñas CAMIÑA
- Borja García López CAMIÑA
- Ana Isabel Vergara López CAMIÑA
- Carmen José López Rodríguez PP
- Ricardo Arias Alvaredo PP
- Diana García García PP
- Marcos López Sánchez PP
- Jesús Rodríguez Martínez PP
- Benjamín Escontrela Díaz PSOE
José Manuel López Torre PSOE - Diego López López PSOE
- Efrén Castro Caloto BNG
- Mónica López Rodríguez BNG
Con respecto ao BNG, Efrén Castro conseguiu 1.081 votos, o que se traduciu en 2 concelleiros, os mesmos que acadaron nas anteriores eleccións municipais de 2019. Así, desde o BNG defenden que “tras a análise dos resultados, cremos que son os mellores resultados obtidos polo BNG nunhas eleccións municipais en Sarria”, porén recoñecen “que nos esperabamos mellores resultados despois de todo o traballo feito, cremos que mereciamos máis apoio, pero os resultados son o que son”. Así, coa mesma ilusión coa que enfrontaron as eleccións, sostén que “seguiremos traballando por Sarria”.
Pola súa parte, nin VOX nin Ciudadanos, que se presentaron nestes comicios, obtiveron representación. No caso do partido laranxa, o cabeza de lista, José Manuel Bello, sostén que “as sensacinós que tivemos xa en campaña foron boas, a xente parecía que tiña reciprocidade, pero si que foi un condicionante preparar unha candidatura en pouco tempo”, explica. Despois de ver o resultado, sostivo que “estamos un pouco decepcionados, pero por outro lado contentos, porque aínda foron 342 sarriaos os que nos votaron”. Así, confesa que “eu cría que podiamos chegar á Alcaldía, pero ao final non se puido, os grandes partidos utilizan os seus métodos para conseguir os máximos votos posibles e nós quedamos sen concelleiro por 50 votos”, sentenza.