Sarria ofrece unha ampla programación cultural con exposicións, cinema, poesía e teatro

SarriaXa
A mostra pictórica de María Cabot, a proxección de Mudanza, a presentación do poemario de Helena Salgueiro e a obra Vermello de Rebuldeira Teatro centran a actividade desta semana
exposicion-Aldea-cartel-Sarria
10 Nov 2025

O Concello de Sarria presenta unha completa programación cultural que se estenderá ao longo da semana con propostas artísticas e literarias para todos os públicos.

Desde o luns 10 de novembro ata o 10 de decembro, a Oficina Municipal de Turismo acolle a exposición Aldea, de María Cabot, unha mostra que recolle boa parte da pintura creada pola artista nos últimos sete anos no seu estudo en O Páramo. A exposición poderá visitarse de luns a venres en horario de 9:00 a 14:30 horas.

O xoves 13 de novembro, ás 20:00 horas, regresará á pantalla grande da Casa da Cultura a curtametraxe Mudanza, de Luisje Moyano, tras o éxito de público obtido na súa estrea o pasado mes de outubro. O filme, baseado nun relato da escritora Sonia Arias, foi rodado na vila sarriá e tamén no Concello de Paradela.

A actividade continuará o venres 14 de novembro ás 19:00 horas coa presentación da obra Amor palimpsesta, de Helena Salgueiro, gañadora do XXIV Premio de Poesía “Fiz Vergara Vilariño”, convocado polo Concello de Sarria e a Agrupación Cultural Ergueitas. O acto, que se celebrará na Casa da Cultura, contará coa presenza da autora, dos membros do xurado, do editor Miguel Anxo Fernán-Vello, da presidenta de Ergueitas, María Casar, e do concelleiro de Acción Cultural, César Nó.

Como peche da semana, o domingo 16 de novembro ás 20:00 horas, a compañía sarriá Rebuldeira Teatro volverá representar a súa obra Vermello na Casa da Cultura, dentro do Circuíto Galego de Teatro Amador FEGATEA.

⚙ Configurar cookies
0.071635007858276