Sarria ofrece unha ampla programación cultural con teatro, circo e exposicións esta semana

SarriaXa
A axenda inclúe obradoiros xuvenís, a estrea de Rebuldeira Teatro e dúas mostras artísticas abertas ao público
Casa-da-Cultura-Sarria
22 Sep 2025

O Concello de Sarria propón para esta semana unha completa oferta cultural con actividades dirixidas a públicos de distintas idades. O martes 23, entre as 18:00 e as 20:00 horas, terá lugar un obradoiro de iniciación ao teatro destinado a mozos e mozas de 14 a 17 anos. Non é preciso realizar inscrición previa, abonda con acudir á hora sinalada para o inicio.

O venres 26, ás 18:00 horas, a biblioteca municipal acollerá o espectáculo infantil Circo na biblioteca, a cargo de Dani Blanco, dentro da programación da IV Mostra de Teatro “Iván Tourón”. Xa o domingo 28, ás 20:00 horas, será a quenda da compañía sarriá Rebuldeira Teatro, que presentará Vermello, unha obra para público adulto coa que estrean a súa participación nesta mesma mostra.

Xunto a estas propostas, mantéñense abertas varias exposicións. Na Casa da Cultura continúa dispoñible El alma de María, da artista local María Barrado, que pode visitarse de luns a venres en horario de mañá e tarde, e tamén durante as fins de semana coincidindo coas actividades programadas no espazo. Ademais, a Oficina Municipal de Turismo acolle ata o 4 de outubro a mostra Castelao Grafista (facsímile), aberta de luns a sábado en horario de mañá e tarde.

⚙ Configurar cookies
0.093194961547852