Sarria ofrece vivendas municipais en alugueiro para favorecer a emancipación da mocidade

O Concello de Sarria vén de activar unha nova iniciativa destinada a facilitar o acceso á vivenda para a xente nova. Trátase do programa de alugueiro xuvenil, mediante o cal se porán a disposición cinco pisos municipais recentemente rehabilitados na coñecida “Casa das Arsenias”, situada na Rúa Maior, número 73.
A medida busca contribuír á emancipación da mocidade e garantir que poidan desenvolver o seu proxecto vital sen abandonar a vila. Os pisos, que teñen un prezo de alugueiro que oscila entre os 200 e os 250 euros mensuais segundo a superficie útil, contan con distintas distribucións: catro deles son de un dormitorio, e o quinto, de dous.
As vivendas adxudicaranse por un prazo inicial dun ano, que poderá renovarse anualmente a petición da persoa arrendataria, ata un máximo de catro, sempre que se sigan cumprindo os requisitos.
As persoas interesadas poderán presentar as súas solicitudes do 1 ao 31 de agosto, ambos inclusive, e deberán estar empadroadas en Sarria, ter entre 18 e 35 anos, carecer de vivenda en propiedade ou usufruto e non superar un determinado nivel de ingresos.
Toda a información relativa ás bases da convocatoria e á documentación requirida está dispoñible na web municipal: www.sarria.gal. Unha comisión técnica valorará as candidaturas presentadas e elaborará unha listaxe provisional de persoas adxudicatarias, así como unha lista de reserva para futuros casos.