Sarria organiza un San Xoán diferente
O Concello de Sarria está organizando as festas de San Xoán con máis actividades e actuacións ca o ano pasado pero coas limitacións que provoca a actual situación sanitaria. Sarria terá música nas rúas e pechará as festas cun concerto de Eloi Caldeiro, artista que musicou dez poemas de Xela Arias para convertilos nun disco chamado O equilibrio dos tigres. Sen embargo, aínda que volten as patronais, o concello está pendiente de como evoluciona a situación provocada pola covid xa que, dependendo diso, poderán desenvolverse unhas actividades ou outras. Así mesmo, tamén considera que a prudencia vai ter que primar en todo momento.
O Concello está a traballar en que os festexos se leven a cabo entre o 23 e o 27 de xuño, sendo este último día no que actúe Caldeiro na Praza da Vila, como recordatorio e homenaxe á poeta sarriá Xela Arias. Esta localización é a única que a organización plantea para os concertos que conten con público que estará, como se está facendo noutros lugares, sentado e con distancia de seguridade.
O resto de actividades serán similares ás que se viviron o ano pasado coa pandemia como actuacións de asociacións locais e música polas rúas. Así mesmo, estanse preparando actividades para que os máis pequenos tamén poidan disfrutar dunha xornada festiva.
A pesar disto, co que non se vai contar é con orquestras para evitar masificacións de persoas, así como a celebración da noite do lume onde se vivía unha xornada de música, gastronomía e fogueira.