Sarria pecha con éxito a campaña Nadal sobre Xeo cunha gran participación veciñal e comercial
O Concello de Sarria clausurou a campaña Nadal sobre Xeo cun balance moi positivo, consolidándose como unha iniciativa clave para dinamizar o tecido social e económico da vila durante as festas.
A pista de xeo, principal reclamo do Nadal, atraeu a máis de 6.000 persoas, tanto veciñas como visitantes doutras localidades, converténdose nun dos grandes atractivos da tempada.
A colaboración co comercio local foi outro dos puntos fortes da campaña, coa inscrición de máis de 100 establecementos que entregaron máis de 15.000 entradas para a pista de xeo. O acceso a esta instalación dependía das compras realizadas nos comercios participantes, fomentando así o consumo no tecido comercial de Sarria e fortalecendo a economía local.
O mercado de Nadal, outro dos elementos destacados, reuniu ata 10 postos rotatorios situados en cinco casetas, nos que participaron produtores artesáns, asociacións sen ánimo de lucro e artistas locais. Este espazo serviu como escaparate da creatividade e talento da comarca, á vez que brindou á veciñanza a oportunidade de adquirir produtos exclusivos.
Ademais, o ambiente festivo completouse cunha programación cultural que incluíu actividades como o concerto do grupo Sound Sisters e os cantos de reis da Asociación Cultural Peleriños, enchendo a vila de música e tradición.
A campaña Nadal sobre Xeo pecha así unha edición marcada pola ampla participación cidadá e o reforzo das sinerxías entre o Concello e os axentes locais.