Sarria pecha con éxito a fase local do Certame de Poesía de Nadal 2025

A Biblioteca Camilo Gonsar de Sarria concluíu con balance moi positivo a fase local do Certame de Poesía de Nadal 2025, unha convocatoria que volveu poñer de manifesto a creatividade das nenas, nenos, mozos e mozas do municipio. Nesta edición presentáronse un total de 60 traballos repartidos entre as diferentes categorías de idade, consolidando esta iniciativa cultural como unha cita destacada do calendario educativo e literario local.
O xurado estivo formado por María Eugenia Valcárcel López, responsable da área de Educación do Concello de Sarria, que exerceu a presidencia con voz pero sen voto, xunto a Violeta Bernardo, mestra e artista sarriá, Alba Fernández Castedo, directora da Escola Xela Arias, e Miriam Alonso Domínguez, técnica da Biblioteca Camilo Gonsar, que actuou como secretaria. Tras a deliberación, o tribunal acordou distinguir varios traballos polo seu nivel creativo e expresivo.
Na categoría A, destinada a participantes de ata 8 anos, o primeiro premio foi para Sofía Pérez Álvarez, de 7 anos, mentres que o segundo e o terceiro recoñecemento recaeron en Naia Díaz Rey e Martina Díaz López, ambas tamén de 7 anos. Na categoría B, correspondente a idades comprendidas entre os 9 e os 11 anos, o xurado outorgou o primeiro premio a Ángela Chaos Pérez, de 10 anos, seguida de Sira Vizcaíno Fernández, tamén de 10 anos, e de Saleta López Fernández, de 8 anos. Pola súa banda, na categoría C, dirixida a mozos e mozas de entre 12 e 16 anos, Marcos Jacob Méndez, de 12 anos, acadou o primeiro premio, mentres que Mateo García Sindin, tamén de 12 anos, e Amara Sonia Alvaredo Casar, de 16 anos, recibiron o segundo e o terceiro premio respectivamente.
Desde a Biblioteca Camilo Gonsar destacouse o alto nivel das composicións presentadas e a boa acollida do certame, subliñando a importancia de fomentar a lectura e a escrita creativa desde idades temperás como ferramenta de expresión e aprendizaxe.