Sarria pecha o campamento 'Aventura no Camiño' cunha festa marcada polo deporte e a convivencia

O Concello de Sarria puxo punto final ao campamento deportivo de verán 'Aventura no Camiño', unha iniciativa que se despediu cunha gran celebración na que non faltaron o deporte, a música, os bailes e mesmo pizzas para todos os asistentes.
Durante varias semanas, rapaces e rapazas da vila descubriron novas disciplinas, fixeron amizades e compartiron experiencias que, segundo recoñecen, quedarán na súa memoria todo o ano. Un dos pequenos participantes resumiu a satisfacción colectiva cun desexo espontáneo: “Queremos que se repita xa”.
O concelleiro de Deportes, Félix Seijas, destacou que “os nenos e nenas fixérono xenial, os monitores foron incribles e a complicidade que se creou entre todos foi espectacular”.
Nesta edición colaboraron diferentes entidades e profesionais que fixeron posible o éxito da proposta: os monitores Antia, Xoel, Fabio, Eva e Candela; Horacio e Mati, do Club de Golf El Pilar de Sarria, que achegaron a súa paixón polo swing e polo futgolf; Alberto e Ángela, do Club de Tiro con Arco Seurri, que espertaron a curiosidade polas frechas e dianas; os profesores de xudo, que transmitiron disciplina e respecto; e as adestradoras de Atalia, Diana e Lucía, que deron ritmo e elegancia ás sesións.
Tamén tiveron un papel destacado Thor e Patricia, encargados da coordinación e organización, ademais do apoio constante do alcalde Claudio Garrido, que seguiu de preto o desenvolvemento das actividades e subliñou o valor deste proxecto xa consolidado como parte da identidade deportiva de Sarria.