Sarria pon en marcha un amplo programa educativo e social polo 25-N

A área de Igualdade do Concello de Sarria activará ao longo deste mes unha completa programación con motivo do 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller.
Baixo o lema “Sementa, florece e plántate contra a violencia de xénero”, o municipio promoverá accións formativas, culturais e de sensibilización dirixidas á comunidade educativa e ao conxunto da cidadanía, cun calendario que se estenderá entre o 11 e o 26 de novembro.
O alumnado de todos os centros educativos do municipio participará en actividades específicas que buscan fomentar valores igualitarios, a prevención da violencia machista e o pensamento crítico.
Dentro do programa de conciliación, desenvolveranse dous obradoiros centrados en conceptos de promoción da igualdade e sensibilización social. Un deles, “Cociñando valores de igualdade”, será impartido por Javier Carrión nos colexios La Merced, La Asunción, Frei Luis de Granada, Antonio Fernández López e na escola infantil Xela Arias. Paralelamente, estudantes dos institutos Xograr Afonso Gómez e Gregorio Fernández, así como dos centros La Merced e La Asunción, asistirán á representación teatral “Expectativa vs realidade”, unha obra que aborda estereotipos e desigualdades desde unha perspectiva xuvenil.
A programación tamén inclúe charlas impartidas por unha especialista en violencia de xénero, dirixidas ao alumnado do Gregorio Fernández, La Merced e La Asunción. No primeiro destes centros haberá ademais un encontro-debate baixo o título “Hai saída grazas a ti”, orientado a reforzar o compromiso social na loita contra esta lacra.
O acto institucional terá lugar o día 25, cando a concelleira de Igualdade dará lectura a un manifesto fronte á Casa do Concello, acompañado dunha convocatoria aberta á cidadanía. Como peche, o 28 de novembro a biblioteca municipal Camilo Gonsar acollerá un contacontos infantil a cargo de Yolanda Álvarez arredor do libro Artur e Clementina, unha actividade que porá o broche a esta campaña centrada na educación en igualdade desde as primeiras idades.