Sarria prepárase para o festival 'Move os marcos', a próxima fin de semana

SarriaXa
Música, literatura, activismo e gastronomía conxúganse no programa deste encontro pensadoo para convocar público de toda Galicia
move-os-marcos-sarria
11 May 2025

Mover os marcos do cotián, remexer conciencias, tecer redes de afectos e gozar do lecer en comunidade. Baixo esas premisas, Sarria acollerá o vindeiro domingo, 18 de maio, o festival 'Move os marcos', impulsado pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo.

Música, literatura, activismo e gastronomía conxúganse no programa deste encontro pensado para convocar público de toda Galicia que se inspira na lembranza do promotor cultural sarriao Marcos López, figura imprescindible da edición e do audiovisual galego nas dúas últimas décadas

Os concertos de Mondra, de estrea do seu segundo álbum “De Ronda”, e o cuarteto De Vacas locen nun elenco de propostas fiadas pola reivindicación da diversidade e dunha produción cultural comprometida coa lingua e o territorio, que se desenvolverán entre o parque do Chanto e O Meigallo.

Move os marcos inclúe actividades e espazos para a creación e a reflexión, cun recital poético musical, intervencións artísticas colectivas ou unha palestra sobre dereitos das persoas LGTB e dereitos lingüísticos nun contexto de auxe dos discursos de odio, así como unha ampla axenda pensada para a cativada, con contacontos, construción de xoguetes sonoros, obradoiros creativos e espazos de lecer libre.

O vicepresidente da Deputación de Lugo Efrén Castro e a deputada de Cultura Iria Castro presentaron Move os marcos como “unha conxunción de música e actividades que reivindican o poder transformador da cultura e que converterán Sarria nun punto de encontro para público de toda Galiza nunha fin de semana de reivindicación e de celebración da lingua e da cultura propia, polo Día das Letras Galegas”.

Os responsables provinciais destacaron “a calidade da proposta musical con Mondra e De Vacas, referentes da fornada de artistas que están a revolucionar o panorama da música en galego” nun programa “artellado coa premisa de crear unha axenda que anime ao público a quedar en Sarria durante toda a xornada”

Move os marcos conta tamén coa implicación do tecido cultural e asociativo de Sarria, con actuacións de Peleriños e a colaboración de Meigas e Trasgos. O recinto do festival acollerá tamén unha zona gastronómica cunha selección de produtos da comarca.

Programa

  • 11.30 h. Alborada. AC Peleriños de Sarria. Bulevar-Malecón-Parque do Chanto
  • 12.00 h. Pregón do inicio da festa
  • 12.30 h. Recital Canto en Parada. Peza escénica multidisciplinar. Luis Alonso (poesía) e Rafa Mallo (percusión)
  • 12.45 h. Parolada diversa: Move os teus marcos. Participan Carlos Callón (escritor e profesor), Daniela Fernández (historiadora e investigadora da memoria LGTB en Galiza), Braulio Vilariño (organización Festival Agrocuir), Ana Ojea (coordinadora da Rede Educativa de Apoio LGTBIQ+ de Galiza), Chené Gómez (ONGD Creat Apoio Psicosocial a través da arte en Gaza). Modera: Eva Mejuto (xornalista, escritora e activista)
  • 14.30 h. Sesión vermú e xantar festivo. A Duendeneta Dilleis
  • 16.00 h. Visita guiada á exposición Galegoza. A canción en galego
  • 16.30 h. Pandereteiras AC Peleriños de Sarria
  • 17.00 h. De vacas
  • 18.00 h. Mondra
  • 19.00 h. De Vacas & Mondra nunha colaboración especial e inédita para Move os marcos

Actividades para a cativada

  • 12.30 h. Sesión de contos. O conto do Traxugas. César No
  • 12.30 h. a 14.30 h. Obradoiro Xoguetes Sonoros: asubío de abelá, carrizo de noz e ruxerruxe. Xaneco Tubío.
  • 13.00 h. Obradoiro. Pulseiras coloridas.
  • 16.30 h. a 18.30 h. Obradoiro Xoguetes Sonoros: asubío de abelá, carrizo de noz e ruxerruxe. Xaneco Tubío.
  • 16.30 h. Obradoiro. Retrato en Collage Palestina. Taller creativo para traballar en parellas a técnica do collage.
  • 18.00 h. Obradoiro. Abano de cores.

Outras actividades

As outras voces. Exposición fotográfica sobre o traballo da ONGD Creart na franxa de Gaza.
Artivista “Enlázate a Gaza”. Intervención artística colectiva arredor da situación do pobo palestino.
Tecer sobre o valado: Galiza. Intervención artística colectiva con elementos naturais e coloridos en valados instalados no espazo do festival.
Andel de cores. Libraría Galicia 1932. Espazo de venda de libros.
Zona Gastro. Espazo con produtos de alimentación seleccionados da comarca.

⚙ Configurar cookies
0.14763712882996