Sarria prepárase para acoller catro eventos que encherán a vila esta fin de semana

SarriaXa
A Expocidades, a Feira de San Lánzaro, a Pretorian Race Sarria Xtreme e o III Rally de Regularidade Vila de Sarria protagonizarán as actividades
parque-praza-da-Vila-de-Sarria
1 May 2025

Esta primeira fin de semana de maio, Sarria converterase no punto central da actividade cultural e deportiva da provincia de Lugo ao acoller a VIII Feira Expocidades, a XXVIII Feira de San Lázaro de Antigüidades e Restauración, a V Pretorian Race Sarria Xtreme e o III Rally de Regularidade Vila de Sarria do Club Clásicos.

Expocidades, a gran feira de turismo de proximidade do Eixo Atlántico, contará coa presenza confirmada de 26 localidades de Galicia e do norte de Portugal: Betanzos, Braga, Bragança, Culleredo, Deputación de Lugo, Fafe, Felgueiras, Foro Termal do Eixo Atlántico, Guimarães, Maia, Matosinhos, Monforte de Lemos, Narón, O Barco de Valdeorras, Póvoa de Varzim, Ribeira, Santa Maria da Feira, Turismo Porto e Norte de Portugal, Valongo, Viana do Castelo, Vila do Conde, Vila Nova de Famalicão, Vila Nova de Gaia, Vila Real e Vilalba, ademais da localidade anfitrioa.

O obxectivo é que Sarria se converta nun gran escaparate do turismo actual, cunha programación que incluirá desde concertos ata obradoiros, catas de viños e visitas guiadas pola vila.

O evento celebrarase na Praza da Vila en horario de 12.00 a 15.00 horas, e de 17.00 a 22.00 horas o sábado; e en horario de 11.00 a 15.00 horas, e de 16.30 a 19.30 horas o domingo. Durante esta Feira, o Sarria acollerá diversas actividades culturais e de lecer, como a exposición sobre Matías López, precursor do márketing publicitario, que estará dispoñible na Capela do Perpetuo Socorro da praza da Vila do 2 ao 4 de maio. Tamén haberán obradoiros infantís, como o Obradoiro Infantil con Chocolate Matías López, que terá lugar o sábado 3 e o domingo 4 de maio ás 11.00 horas co fin de aprender de forma lúdica a facer chocolate e para achegar aos máis pequenos a figura do sarriao Matías López. Ademais, o mago Roberto Lolo impartirá un taller máxico o domingo 4 ás 12.30 horas; así como haberá un taller de música miúda ás 17.00 horas. Así, a Expocidades rematará cun concerto do grupo Clarisaxos.

Pola súa parte, a XXVIII Feira de San Lázaro de Antigüidades e Restauración fará que a rúa do Porvir se encha de expositores que levarán as súas pezas de anticuario para o desfrute dos amantes do vintage. Así, a rúa encherase de carpas con postos nos que as persoas xerentes de anticuarios de Sarria, de Lugo e da Coruña exporán os seus obxectos e pezas de colección desde as 11.00 ás 14.30 horas, e pola tarde, de 16.00 a 20.30 horas os días 3 e 4 de maio. Estes expositores son Pablocompraventa, Carpintería de Alejandro Antigüedades, Porvir 39, El Baúl de Cova, Mercado Tía Ni. ibro Caravan, Antiguallas, Rural o Urbano, Lola Ribeira, Antigüedades Manuel Calzada, Vintage, Antics, Relics; Fusión Antigüidades e Gastronomía, Colisevm Antigüedades y Coleccionismo, Asociación Anticuarios e Restauradores de Sarria e Asociación de Amigos das Feiras de Antigüidades e Coleccionismo. Ademais, contarase con servizo de polbeiras e coa foodtruck Galicia Sabe Amar da Xunta para que as persoas interesadas na Feira non teñan que buscar outro lugar onde comer, xa que o poderán facer no campo onde ten lugar o Mercado Quilate de Sarria.

A Feira tamén acollerá diferentes actividades, como obradoiros e demostracións de bonsais, cerámica, talla, costura creativa e bolillos en diferentes postos. Concretamente, haberá unha exposición de bonsáis a cargo da Asociación El Serbal, unha demostración e exposición de cerámica a cargo do mestre ceramista Manuel Fernández López ‘Lolo. Tamén haberá, o sábado 3, un taller de bonsái e un taller de barro para nenos e nenas, e o domingo haberá taller de bonsái, taller de cocción en rakú por Lolo e obradoiro de cianotipias. Tamén estará a Furgolibro con libros para as persoas interesadas. Tamén haberá actuacións musicais da man da Asociación Peleriños, o sábado ás 18.00 horas, e da Asociación Meigas e Trasgos, o domingo, ás 18.00 horas. Con toda esta actividade, a presidenta da Asociación de Anticuarios e Restauradores San Lázaro, Carmen Rodríguez, espera unha moi boa acollida por parte do público, xa que “vai ser unha feira moi diversa na que se promove a interxeracionalidade, que poidan participar as familias nos obradoiros e que cada persoa atope o que lle gusta dentro de todo o que ofrecemos. En definitiva, unha oportunidade para desfrutar de Sarria estado puro”, sostivo.

Con respecto á quinta edición da Pretorian Race Sarria Xtreme, esta é unha esixente carreira de obstáculos que se levará a cabo o vindeiro 3 de maio no campo de rugby de Sarria, onde os organizadores esperan congregar a máis de 500 participantes procedentes de distintos puntos de España, que competirán en tres modalidades: élite, carreira popular e ‘starter’. O ano pasado, Pretorianos Club comentaba que a edición fora “un éxito de participación”, pero tamén polo retorno económico que xerou para a comarca de Sarria, de arredor 200.000 euros; polo que esperan que este ano a situación sexa similar ou mellor.

Finalmente, entre os días 2 e 3 de maio terá lugar III Rally de Regularidade Vila de Sarria, un evento especial do Club Clásicos para os amantes do motor clásico. Así, o rally comezará o venres 2 coa apertura do parque pechado ás 20.00 horas, onde se reunirán os vehículos participantes tanto do venres e sábado como os que compitan só o sábado. Para os vencedores absolutos do rally, haberá trofeos e importantes premios económicos.

⚙ Configurar cookies
0.14942407608032