Sarria prepárase para o Corpus Christi, que este ano se celebra o 15 de xuño

O Concello de Sarria xa ten en marcha os preparativos para unha das súas celebracións máis emblemáticas: o Corpus Christi, que este ano terá lugar o vindeiro 15 de xuño.
As alfombristas sarriás, verdadeiras protagonistas desta tradición, xa están mans á obra coa elaboración do material necesario para encher as rúas de arte efémera e cor.
Desde o Concello fan un chamamento á veciñanza para que participe activamente nesta fermosa tradición. Convidan a todas aquelas persoas que desexen colaborar a achegarse a partir das 17:00 horas á capela do Perpetuo Socorro ou á galería situada no baixo de Vila Andrea, na praza da Vila. Neses espazos estarán traballando as artesás todos os días ata a chegada da celebración.
O propio 15 de xuño poderanse ver estas grandes alfombras florais e tamén terá lugar a tradicional procesión polas rúas engalanadas con alfombras florais, unha das grandes tradicións do municipio.