Sarria prepárase para o Tapicheo’25, unha nova edición do concurso de tapas que encherá a vila de sabor e creatividade

SarriaXa
Quince locais participarán na XVIII edición, que se celebrará do 5 ao 8 de decembro con premios para o público que complete a ruta
tapicheo-Sarria
3 Dec 2025

Sarria xa ultima os preparativos para celebrar unha das citas gastronómicas máis agardadas do ano: o XVIII Concurso de Tapas Tapicheo’25, que regresará ás rúas da vila do 5 ao 8 de decembro cunha proposta que combina gastronomía, ambiente festivo e participación veciñal.

Un total de quince establecementos hostaleiros ofrecerán as súas creacións, convidando ao público a percorrer a ruta e descubrir sabores orixinais que cada ano atraen a centos de persoas.

A organización mantén o tradicional sistema de participación mediante tarxeta de selos, que permite ao público optar a diferentes premios. Quen complete os quince selos entrará no sorteo dun bono regalo para unha viaxe, achegado polos propios establecementos participantes, ademais de acceder ao resto de premios dispoñibles.

Con trece selos, xa se poderá emitir o voto á tapa favorita e participar no sorteo dunha ampla lista de agasallos, entre eles unha caixa de viños de Rioja ofrecida por D’Orixe, un Magnum de Marqués de Cáceres e unha botella de tres litros de Larios Rosé do local Don Pepe, ceas para dúas persoas en 8mm, Pan Team ou o restaurante O Chanto, menús degustación en Cinza e Lume, almorzos en Cafetería Bar Cubano e Al Paso To Go, unha botella Magnum da Parrillada Camping Sarria, produtos do Mercado Paladar Gourmet a través de O Turuta, así como un kit de merchandising da Área de Turismo, entre outros.

O Tapicheo’25 consolídase así como un referente gastronómico na comarca, unha celebración da cociña local que impulsa a hostalaría e favorece o encontro social, converténdose cada ano nun punto de encontro para amantes da boa comida e visitantes que buscan novas experiencias culinarias.

⚙ Configurar cookies
0.071745157241821