Sarria prepárase para un agosto cheo de cultura, música, maxia e humor

O mes de agosto en Sarria vén cargado de propostas culturais para todos os gustos. Teatro, concertos, humor, literatura, espectáculos para toda a familia e tres festivais marcarán un calendario cheo de citas destacadas coa arte e o entretemento. A programación, organizada polo Concello, desenvolverase en distintos espazos como o Paseo do Malecón, a Casa da Cultura ou a Rúa da Liberdade.
O punto de partida será o mércores 6, ás 20:00 horas, cunha función teatral: Raquel Crespo e o Centro Dramático Galego presentan Punto en boca: entre fíos anda o lío, unha peza pensada para todos os públicos no Malecón. O protagonismo musical colle o relevo do 7 ao 10 co Festival Sarria Blues no Camiño, que volverá encher a vila co mellor deste xénero, nunha edición con sabor internacional.
O luns 11 será a quenda da literatura, coa presentación do libro El último maqui do autor Juan Carlos Alonso, na Casa da Cultura ás 20:00 horas. Ao día seguinte, martes 12, ás 21:00 horas, o coñecido actor Luis Zahera traerá o seu espectáculo de humor Chungo, dentro da programación adiada de Ultreia et Suseia.
O sábado 16, o Malecón acollerá un concerto de Pepe Piña ás 20:00 horas. E do luns 18 ao domingo 24 celebrarase a 20ª edición do Festival Internacional de Maxia Vila de Sarria, producido polo ilusionista Roberto Lolo. A cita promete “misterio e sorpresas abraiantes” para todas as idades.
O domingo 24 tamén terá lugar un concerto vermú co grupo Terapia de Grupo, que traerá á Rúa da Liberdade versións dos grandes éxitos dos anos 80 e 90. Para pechar o mes, o mércores 27, ás 20:00 horas, Brais das Hortas ofrecerá o seu Consertasso na horta no Paseo do Malecón.
O broche final chegará coa Noite Meiga, do venres 29 ao domingo 31, unha das festas máis esperadas do calendario sarrián, que converterá o parque do Canto nun espazo de fantasía, lendas e tradición.