Sarria prepárase para unha nova edición da Noite Meiga con música, tradición e deporte

SarriaXa
A celebración, do 29 ao 31 de agosto, combinará concertos, actividades culturais e o torneo de baloncesto 3x3 organizado polo CB Sarria
3x3-CB-Sarria-Noite-Meiga
29 Aug 2025

A Asociación Cultural Meigas e Trasgos xa ten todo listo para unha nova edición da Noite Meiga, que encherá Sarria de música, tradición e deporte entre o 29 e o 31 de agosto cun programa dirixido a todas as idades.

A cita abrirase o venres 29 coa xa habitual Andaina Popular con fachos, que partirá do cruzamento de Os Catro Camiños ata o Parque do Chanto, e culminará cunha noite de concertos protagonizada por Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre, Mondra e Russ.

Ese mesmo día e tamén o sábado desenvolverase na Praza da Vila o torneo de baloncesto 3x3 Noite Meiga, impulsado polo CB Sarria co apoio da Xunta. A competición contará con categorías sénior, cadete e infantil mixta, ademais de minibasket, e dispórase de dúas pistas oficiais 3x3, árbitros colexiados, speaker e DJs, así como concursos de triples e partidos nocturnos.

O sábado 30 a programación cultural comezará cun concerto da Banda de Música da Comarca de Sarria e Os Clarisaxos no Lar Social Meigas e Trasgos. Ás 20.00 horas terá lugar o pregón, que nesta ocasión correrá a cargo de Eugenio Sanmartín, “Genucho”, en representación do grupo Os Flavia, seguido da actuación do colectivo anfitrión. A cea popular reunirá aos veciños ás 22.00 horas e, xa de madrugada, ás 01.00 horas celebrarase a tradicional Danza da Noite Meiga, antes dos concertos de D'Crooners Band e Banana Joe.

O domingo 31 poñerase o broche final coa Tardiña Meiga no lar da asociación, a partir das 17.30 horas, cun concerto didáctico titulado Toupelear a cargo de Branca Villares e Pablo Pintor.

O delegado territorial da Xunta, Javier Arias destacou o labor do CB Sarria na promoción do deporte de base e subliñou a implicación da Xunta no apoio a esta cita, que ademais patrocina o concerto de Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre.

⚙ Configurar cookies
0.15753197669983