Sarria acollerá unha semana chea de ilusión co XX Festival Internacional de Maxia Vila de Sarria

A vila de Sarria converterase entre o 18 e o 25 de agosto nun gran escenario de ilusión coa celebración da vixésima edición do Festival Internacional de Maxia Vila de Sarria, unha edición especial que encherá de espectáculos múltiples espazos públicos e privados da localidade, como prazas, rúas, cafeterías, residencias ou centros culturais, para achegar a maxia a todos os públicos.
Durante esa semana, a programación de Roberto Lolo traerá á vila algúns dos nomes máis destacados do ilusionismo tanto a nivel nacional como internacional. Así, serán 20 artistas: Karim Gonzalez, Raúl Alegría, Dani DaOrtiz, Lucia Rivera, Sara Rodríguez, Román García, Roberto Lolo, Nacho Nogueira, Mago Iago, Iago Saavedra, Toni Pons, Magia Melanie, Mago Roger, Rachel Atienza, mago Pedro Aragonés, Yimis Mauler, Mago Yericó, Iván Santacruz, Mago Joel, e Edu El Mago. Todos eles compartirán escenario co sarrián Roberto Lolo, director e impulsor deste evento, xa consolidado como unha das principais citas máxicas do panorama estatal.
Esta vixésima edición celébrase baixo o lema Maxia no Camiño, un recoñecemento ao estreito vínculo da vila co Camiño de Santiago, que nesta ocasión servirá de fío condutor para unha semana na que a ilusión, a fantasía e o talento serán os verdadeiros protagonistas.
O Festival conta co apoio do Concello de Sarria, que actúa como patrocinador principal. Durante a presentación oficial, o concelleiro de Cultura, César No, puxo en valor a implicación do director artístico: “Roberto Lolo é moito máis ca un mago: é o motor que fai posible este soño. Grazas ao seu esforzo, Sarria convértese ano tras ano no epicentro da maxia en España. Este festival fai que Sarria se convirta nunha vila máxica, que atrae visitantes, pero tamén envolve e fai partícipe a toda a veciñanza, dende os máis pequenos ata os maiores”.
No acto tamén estiveron presentes o alcalde Claudio Garrido, o artista Mago Iago e Carmen José López en representación da Xunta de Galicia, quen coincidiron en destacar o valor cultural e turístico dun evento que pon a Sarria no mapa internacional da maxia.