Sarria prepárase para unha semana máxica coa vixésima edición do seu festival internacional

SarriaXa
O evento, que se celebrará do 18 ao 25 de agosto baixo o lema Maxia no Camiño, reunirá vinte recoñecidos ilusionistas e levará espectáculos a prazas, rúas, cafeterías e centros sociais
XIX-Festival-Internacional-de-Maxia-Vila-de-Sarria
16 Aug 2025

Sarria será, do 18 ao 25 de agosto, un auténtico escenario ao aire libre coa celebración da vixésima edición do Festival Internacional de Maxia Vila de Sarria, unha cita especial que encherá de ilusión prazas, rúas, cafeterías, residencias e centros culturais para achegar o espectáculo a todos os públicos.

A programación, impulsada polo sarriao Roberto Lolo, contará cun total de vinte artistas, entre eles figuras destacadas do ilusionismo nacional e internacional como Karim González, Raúl Alegría, Dani DaOrtiz, Lucía Rivera —recoñecida como a artista máis rápida do mundo en cambiar de vestiario—, Sara Rodríguez, Román García, Nacho Nogueira, Mago Iago, Iago Saavedra, Toni Pons, Magia Melanie, Mago Roger, Rachel Atienza, Pedro Aragonés, Yimis Mauler, Mago Yericó -que perdeu todo pola DANA-, Iván Santacruz, Mago Joel e Edu El Mago.

Todos eles compartirán escenario co propio Lolo, director e impulsor dun festival xa consolidado como unha das grandes referencias da maxia en España.

O programa inclúe actuacións en espazos emblemáticos como a praza Xela Arias, a escalinata e a praza Pontevella, ademais de numerosas galas de maxia de preto en cafeterías, onde o público poderá gozar dunha bebida mentres contempla os trucos a poucos centímetros.

Haberá tamén espectáculos adaptados a colectivos específicos, como as representacións previstas na residencia de maiores e no CAPD, así como unha nova gala con intérprete de lingua de signos.

Baixo o lema Maxia no Camiño, esta edición rende homenaxe ao vínculo histórico de Sarria co Camiño de Santiago, convertendo a vila nun punto de encontro entre cultura, tradición e espectáculo, onde a fantasía e o talento serán os grandes protagonistas.

CONSULTA TODA A PROGRAMACIÓN DO FESTIVAL

⚙ Configurar cookies
0.13485193252563