Sarria prepárase para vivir o Entroido 2026 cun gran desfile de comparsas e carrozas

O domingo 15 de febreiro de 2026 chega a Sarria un dos días máis divertidos do ano coa celebración do Desfile de Comparsas e Carrozas do Entroido, unha cita xa consolidada no calendario festivo da vila.
O desfile dará comezo ás 17.00 horas, con saída desde o Barrio da Estación, e percorrerá as principais rúas ata o seu remate, previsto arredor das oito e media da tarde, momento no que terá lugar a entrega de premios.
Durante o percorrido estableceranse tres puntos de exhibición nos que as comparsas poderán bailar e realizar coreografías cun tempo máximo de tres minutos, ofrecendo así un maior espectáculo tanto ao xurado como ao público asistente.
O Concello de Sarria repartirá nesta edición máis de 6.000 euros en premios, recoñecendo a creatividade, a animación e o traballo realizado polos participantes.
O prazo de inscrición permanecerá aberto ata o mércores 11 de febreiro ás once e cincuenta e nove da noite. Para participar será preciso cubrir a ficha de inscrición correspondente, achegar unha copia do DNI e presentar un certificado de titularidade da conta bancaria para o ingreso dos premios. A documentación poderá presentarse a través do correo electrónico cultura@sarria.gal, no rexistro do Concello ou mediante a sede electrónica municipal.
Como paso previo ao desfile, celebrarase unha reunión informativa obrigatoria o xoves 12 de febreiro ás oito e media da tarde no Concello de Sarria, coa finalidade de explicar o desenvolvemento do evento e resolver posibles dúbidas.
PREMIOS
No apartado de premios, na categoría de carrozas concederase un primeiro premio dotado con 800 euros, un segundo premio de 600 euros e un terceiro premio de 300 euros. Na categoría de comparsas outorgarase tamén un primeiro premio de 800 euros, un segundo de 600 euros, un terceiro de 300 euros e un cuarto premio de 150 euros.
As agrupacións procedentes de fóra da comarca optarán a un primeiro premio de carrozas de 450 euros, a un primeiro premio de comparsas de 300 euros e a un segundo premio de comparsas de 150 euros. Ademais, establécese un premio individual para grupos de entre unha e tres persoas dotado con 150 euros.
Na modalidade individual adulta, tamén para grupos de entre unha e tres persoas, entregarase un primeiro premio de 150 euros, un segundo de 100 euros e un terceiro de 60 euros. Na categoría individual infantil concederase un primeiro premio de 120 euros e un segundo premio de 100 euros.
O Entroido de Sarria recoñecerá igualmente a mellor música en vivo cun premio de 200 euros. Ademais, outorgaranse distintos accésits, entre os que se inclúe o premio á mellor proposta infantil, dotado con 250 euros, destinado a carrozas ou comparsas formadas integramente por menores de 16 anos ou nas que máis do 50 % dos seus compoñentes sexan menores desa idade.
Tamén se premiará á comparsa máis animada de máis de 50 compoñentes con 200 euros e á comparsa máis animada de entre 4 e 50 integrantes con 150 euros. O participante máis animado recibirá un premio de 60 euros, ao igual que a mellor crítica de actualidade presentada durante o desfile.