Sarria prepárase para vivir unha nova xornada de motor co IX Slalom Concello de Sarria

SarriaXa
O evento celebrarase o sábado 2 de agosto no Campo da Feira e é puntuable para o Campionato Galego
IX-Slalom-Sarria-2025
29 Jul 2025

A paixón polo automobilismo regresa esta fin de semana a Sarria coa celebración do IX Slalom Concello de Sarria, unha proba xa consolidada no calendario deportivo galego e puntuable para o Campionato Galego de Slálom. A cita terá lugar este sábado, 2 de agosto, no recinto do Campo da Feira, que acollerá ao longo de toda a xornada un espectáculo de velocidade, técnica e habilidade ao volante.

Desde a organización, a Escudería Sarria Motor, convidan a veciñanza e afeccionados do motor a achegarse a gozar dun evento que combina emoción e seguridade. O Concello de Sarria, que colabora na iniciativa, fai un chamamento á cidadanía para que respecte a sinalización especial e as medidas de seguridade que establecerá a Policía Local con motivo da celebración da proba.

Trátase dunha oportunidade para dar visibilidade ao deporte local, fomentar a práctica do automobilismo e dinamizar a vila cunha actividade que cada ano atrae a participantes e público chegado de distintos puntos de Galicia.

⚙ Configurar cookies
0.15398597717285