Sarria prepárase un ano máis para o Rallye San Froilán

SarriaXa
O concello de Sarria prepárase un ano máis para a edición número 44 do Rallye San Froilán que comeza o venres 14
Rally San Froilan portada
12 Out 2022

O Rallye San Froilán celebra os días 14, 15 e 16 deste mes a súa 44 edición cunha cifra de inscritos récord. 134 equipos anotados no que supón a maior participación nunha proba automobilística en Galiza no que vai de ano.

A vila de Sarria prepárase hoxe para esta nova edición, xa que ás 18.00 horas terá lugar na Praza da Vila a presentación da armada sarriá, onde tódolos equipos de Sarria e comarca ensinarán os seus vehículos e atenderán as posibles preguntas ou curiosidades dos asistentes.

Un ano máis o Rallye San Froilán achega ao público ao marabilloso e esixente tramo de Goián no que os pilotos deberán facer gala das súas habilidades. A fin de semana do 14, 15 e 16 de outubro, teremos a oportunidade de velos en acción.

Dende o concello e co obxectivo de facer que o rallye aínda sexa máis próximo, realizarán un reagrupamento dos pilotos na rúa Liberdade, concretamente na zona do Boulevard, dende as 17.00 ata as 21.30 horas, onde os equipos participantes pararán para dirixirse aos últimos tramos onde, quizais, quede decidido o rallye.

A ceremonia de saída do Ralllye San Froilán celebrarase en Lugo o venres 14 a partir das 19.30 horas, coa chegada dos coches ao fondo da praza dende o aparcadoiro do Auditorio Gustavo Freire, para continuar cara  ao parque de traballo situado no polígono de Outeiro de Rei.

O sábado disputarase a carreira, con cinco treitos a dobre pasada, polas estradas dos concellos de Outeiro de Rei, O Corgo, Mosteiro, Guntín, O  Páramo e Sarria, onde se situará o parque de reagrupamento para as últimas pasadas (Rúa Calvo Sotelo).

Esta edición consta dun percorrido total de 343,15 quilómetros, dos cales 115,70 corresponden a 5 treitos cronometrados por estradas asfaltadas pechadas ao tráfico.

Rally SF
0.16679286956787