Sarria presenta a Tamborileira Municipal e avanza detalles das Festas de San Xoán 2025

Esta tarde de venres, 28 de marzo, ás 20.00 horas, o Salón de Plenos do Concello de Sarria acollerá a presentación oficial da Tamborileira Municipal, unha emblemática figura que foi entregada ao pregoeiro das Festas de San Xoán 2024, Xaime Félix López Arias.
Ademais, neste acto darase a coñecer a nova Comisión de Festas 2025, que será a encargada de organizar as próximas Festas Patronais. Tamén se ofrecerá un adianto da programación prevista, xerando expectación entre os veciños e visitantes que cada ano se achegan a Sarria para gozar desta tradicional celebración.
Para completar a xornada, Xaime Félix López Arias impartirá unha charla ilustrada con imaxes titulada 'A Iconografía do San Xoán de Sarria'. Durante a súa intervención, fará un percorrido polas diferentes etapas históricas das Festas de San Xoán, destacando as súa expresións artísticas e literarias que contribuíron a construír a identidade cultural desta festividade.
O acto promete ser unha cita ineludible para todos os amantes da historia e da tradición sarriás, marcando o inicio da conta atrás para as esperadas Festas de San Xoán 2025.