Sarria presenta un ambicioso plan de investimentos para mellorar a vila co Plan Único

O Concello de Sarria deu a coñecer as accións previstas no marco do Plan Único da Deputación de Lugo co obxectivo de mellorar a calidade de vida dos seus veciños, fortalecer os servizos sociais e fomentar o emprego local.
Cun orzamento total de 572.952,44 euros, por parte da Deputación de Lugo; e 27.594,14 euros por parte do Concello, levaranse a cabo propostas que inclúen a renovación de infraestruturas fundamentais, un incremento da seguridade viaria e a dinamización cultural e turística do municipio.
Unha das prioridades será a renovación e asfaltado das principais pistas municipais, mellorando a mobilidade e a seguridade en puntos clave do municipio. As obras afectarán áreas como San Mamede da Chanca, Aceas, Montés, Castro dos Petos, Fonteabuín, Padriñán, Vilasteba, A Pena, Froiás a Lier, Calleiros a Goián e o acceso á Igrexa, cun investimento total de 214.234,73 euros.
Tamén se renovará o pavimento na explanada do pavillón polideportivo cun orzamento de 44.359,00 euros, creando un espazo adecuado para actividades deportivas e recreativas.
Outra actuación destacada será a instalación de pasos de peóns sobreelevados e lomas de asno en varias travesías de Sarria, cun investimento de 136.070,55 euros, co fin de mellorar a seguridade viaria e reducir a velocidade do tráfico.
ESPAZOS PÚBLICOS E SERVIZOS SOCIAIS
Dentro do apartado de mellora de espazos públicos, o Concello destinará 24.000,00 euros á modernización do parque infantil do Chanto.
Tamén se incorporará novo mobiliario na Casa da Cultura, cun investimento de 9.240,60 euros, co obxectivo de reforzar este espazo como centro de encontro para os veciños.
En termos de benestar social, a Residencia de Maiores Nosa Señora do Carme será escenario de melloras nas súas instalacións con obras para instalar un montapratos, cun orzamento de 8.096,11 euros e renovaranse as portas e marcos interiores por valor de 47.553,00 euros, co fin de optimizar as condicións de habitabilidade dos residentes.
No ámbito social, o Servizo de Axuda no Fogar contará cun orzamento de 20.000 euros para a súa prestación básica no ano 2024, coas achegas da Deputación (15.000 euros), do Concello (2.000 euros) e dos usuarios (3.000 euros).
EMPREGO E CULTURA
Unha das liñas de actuacións máis destacadas será o reforzo do emprego local, co impulso de varias contratacións. Así, contratarase un dinamizador para a Casa da Cultura e a oficina de información turística (7 meses, 25 horas semanais) cunha asignación de 15.038,73 euros.
Tamén se contará cun operario para o servizo de obras (9 meses), cun investimento de 24.246,90 euros e con dous axudantes de obras (9 meses), cun orzamento de 46.712,95 euros.
As contratacións estarán totalmente financiadas pola Deputación, cun investimento de 85.998,58 euros.
Por outra banda, para afondar na oferta turística e cultural, o Concello desenvolverá un mapa interactivo de recursos turísticos, cun orzamento de 5.004,56 euros, que facilitará a información sobre o patrimonio local.
Tamén se organizará unha exposición sobre Matías López, cun investimento de 5.989,45 euros, para destacar a súa figura na historia de Sarria.
As actuacións previstas permitirán avanzar na creación dun municipio máis accesible, dinámico e sostible, sempre co foco posto no benestar da cidadanía.