Sarria presenta unha ampla programación cultural con actividades para todas as idades durante esta semana

O Concello de Sarria presenta a súa programación cultural para esta semana, unha axenda que combina propostas literarias, musicais, escénicas e de ocio familiar. As actividades comezarán o martes 18, entre as 19.00 e as 21.00 horas, cunha nova sesión do obradoiro de escrita creativa.
A programación continuará o mércores 19, entre as 17.30 e as 18.30 horas, cunha nova edición dos Mércores de Contos, unha iniciativa pensada para os máis pequenos e as súas familias que promove tardes dedicadas á literatura e ao pracer de compartir historias.
O venres 21, ás 19.00 horas, a Casa da Cultura acollerá a presentación do libro Andares, de Luís Celeiro. No acto participarán, xunto ao autor, o concelleiro de Acción Cultural de Sarria, César No, a xornalista María Celeiro Vergara e a xornalista Ana Casanova Vila.
O sábado 22, ás 20.00 horas, terá lugar un concerto da Banda de Música de Sarria na Parroquia da Nosa Señora do Rosario con motivo da celebración de Santa Cecilia, patroa da música.
Esa mesma fin de semana, durante o sábado 22 e o domingo 23, desenvolverase o III Encontro Máxico no Rural nas parroquias do municipio, con actuacións dos magos Roberto Lolo, Fernando Moreno, Magaldara, Mago Iago e Bruxo Cabacín.
A programación pecharase o domingo 23 de novembro, ás 20.00 horas, coa representación do espectáculo En carne viva, da compañía luguesa Bengala Teatro Físico, dentro do Circuíto de Teatro Profesional da Deputación de Lugo.