Sarria presenta unha ampla programación cultural en outubro con teatro, música, cinema e obradoiros

O Concello de Sarria vén de anunciar a programación cultural correspondente ao mes de outubro, cun calendario cheo de citas para todos os públicos que inclúe teatro, música, cinema, exposicións, actividades infantís e propostas formativas.
A IV Mostra de Teatro “Iván Tourón Morais”, organizada polo Concello en colaboración con Rebuldeira Teatro, continuará ata o 19 de outubro, converténdose nun dos eixos centrais da oferta cultural. Outra das citas destacadas será a décima edición do Esmorga Fest, que se celebrará os días 17 e 18, coincidindo coa inauguración da exposición da artista Susana Díaz Cabot na Oficina de Turismo. O día 25 chegará a estrea da curtametraxe Mudanza, baseada nun relato da escritora sarriá Sonia Arias, mentres que o domingo 26 arrincará o ciclo de teatro amador coa representación de E parecía parvo! a cargo da Asociación Cultural Charamela. A programación pecharase o 31 coa festa infantil de Samaín na Casa da Cultura.
A oferta complétase con varias actividades paralelas. Entre elas, un obradoiro de escrita creativa para adultos que se impartirá na Casa da Cultura os martes cada quince días ata decembro, en horario de 19.00 a 21.00 horas, con prazas limitadas e inscrición previa en cultura@sarria.gal. Tamén haberá sesións de Mércores de contos, pensadas para nenos e familias, que se desenvolverán semanalmente de 17.30 a 18.30 horas sen necesidade de inscrición.
Por último, este mes iniciarase o ciclo de conferencias Simposios salvaxes, que contará coa participación de creadores locais como a artista plástica Violeta Bernardo, a cantante e actriz Lorena do Val e o fotógrafo Toño de López, reforzando así a aposta do Concello por dar visibilidade ao talento cultural de Sarria.