Sarria presenta unha ampla programación cultural para setembro

SarriaXa
O Concello combina tradición, actividades familiares e espectáculos para todas as idades ao longo do mes
Casa-da-Cultura-Sarria
1 Sep 2025

O Concello de Sarria deu a coñecer a programación cultural para setembro, un mes que chegará cargado de propostas variadas destinadas a todos os públicos.

A actividade comezará o luns 1 cun campamento dixital de Cibervoluntarios, dirixido a nenos e nenas de 9 a 13 anos, que se desenvolverá ata o día 5 na Aula CeMIT da Casa da Cultura.

Do 5 de setembro ao 4 de outubro estará aberta na Oficina Municipal de Turismo a exposición Castelao Grafista, que permitirá achegarse á obra visual e á faceta máis creativa do intelectual galego.

Entre as citas destacadas figura o XIII Festival Garitosis o sábado 6, que encherá a Rúa da Música con sesión vermú ás 12:30 horas e concertos a partir das 21:00 horas.

Ese mesmo día terá lugar o concurso de rap Freestyle Sarria na Sociedade Cultural A Unión a partir das 18.00 horas.

O domingo 7 será a quenda de Lorena do Val, que ofrecerá un concerto de piano e voz no Paseo do Malecón ás 13:00 horas.

MÁIS ACTIVIDADES

A programación inclúe tamén obradoiros de iniciación teatral para idades comprendidas entre os 5 e os 17 anos, que se celebrarán na Casa da Cultura os días 16 e 23 en diferentes horarios segundo os tramos de idade.

O teatro terá un protagonismo especial coa IV Mostra de Teatro Iván Tourón Morais. O venres 19 representarase A historia de Rata o Pirata, de Olivas Negras; o domingo 21, Neura, de De Ste Xeito Producciones; o venres 26, Circo na Biblioteca, de Dani Blanco, na Biblioteca Pública Camilo Gonsar; e o domingo 28, Vermello, a cargo de Rebuldeira Teatro.

A música regresará o sábado 20 coa agrupación Ars Combinatoria, que ofrecerá un concerto de triosonatas barrocas na igrexa de San Salvador a partir das 20:00 horas.

Con esta programación, o Concello de Sarria busca dinamizar a vida cultural do municipio durante setembro, ofrecendo alternativas de lecer, formación e espectáculos para todos os públicos.

⚙ Configurar cookies
0.17611408233643