Sarria presenta unha ampla programación de Nadal con obradoiros, música e actos tradicionais

SarriaXa
As actividades desenvolveranse do 20 de decembro ao 5 de xaneiro en diferentes espazos do municipio
iluminación-Nadal-de-Sarria-25
17 Dec 2025

Sarria celebrará o Nadal 2025 cunha programación diversa e continuada que se estenderá desde o sábado 20 de decembro ata o luns 5 de xaneiro, cunha ampla oferta de actividades culturais, musicais, familiares e deportivas repartidas entre a Carpa de Nadal da Praza da Vila, a Casa da Cultura, a Biblioteca Camilo Gonsar, as rúas da vila e outros espazos do municipio.

A programación arrincará o sábado 20 de decembro cun obradoiro de circo de 11:30 a 13:30 horas na Carpa de Nadal da Praza da Vila e cun obradoiro de receitas ás 12:00 horas na Casa da Cultura. Pola tarde, ás 17:00 horas, terá lugar o espectáculo Duende Circo da compañía Payaso Total na Carpa de Nadal, mentres que ás 19:30 horas o Paseo do Malecón acollerá un concerto de Lorena do Val e Manuel Arroyo.

O domingo 21 de decembro repetirase o obradoiro de circo pola mañá na Carpa de Nadal e celebrarase un obradoiro de pandeiro ás 16:30 horas na Casa da Cultura. Ás 17:00 horas representarase O mundo de Nono, da compañía Arturo Cobas, na Carpa de Nadal, seguido da Papanoelada moteira ás 18:30 horas con saída desde o campo de rugby. A xornada pecharase cun concerto de Nadal de Ars Combinatoria ás 20:00 horas na Carpa da Praza da Vila.

As actividades continuarán o luns 22 e o martes 23 de decembro con novos obradoiros de circo pola mañá na Carpa de Nadal. O luns ás 17:00 horas representarase Berenguela na gaiola, de Galeatro e Xarope Tulú, e ás 18:30 horas celebraranse os Cantos de Reis da Asociación Cultural Peleriños na Praza da Vila. O martes 23, ás 18:00 horas, terá lugar a Cabalgata de Papá Noel polas rúas de Sarria.

O venres 26 de decembro haberá obradoiros de animación de Barafunda pola mañá na Carpa de Nadal e ás 19:00 horas celebrarase a Gala Máxica do Nadal con Roberto Lolo no mesmo espazo. Esa mesma xornada dará comezo o Torneo de Fútbol Nadal 2025 no Pavillón José Mario González, no Chanto.

O sábado 27 e o domingo 28 de decembro continuarán os obradoiros de Barafunda pola mañá e os espectáculos infantís pola tarde, con Malabarian on the Rox o sábado ás 17:00 horas e Os Ourizos o domingo á mesma hora, ambos na Carpa de Nadal. O sábado celebrarase tamén a Estarela ata o fin, de Zoe Vizión, ás 20:00 horas, seguida dun recital poético por Palestina ás 20:45 horas na Casa da Cultura e do concerto Ribela from Homies ás 21:00 horas na sede da ACC Huhú. O domingo 28, ás 20:00 horas, a Igrexa de Santa María do Rosario acollerá o concerto de Nadal da Banda de Música de Sarria.

A programación continuará o luns 29 e o martes 30 de decembro con máis obradoiros de animación pola mañá na Carpa de Nadal. O luns ás 17:00 horas representarase Intríngulis, de Adrián Conde, e o martes ás 17:00 horas terá lugar o espectáculo Popín Palomero, da compañía Barafunda. Ese mesmo martes, ás 19:00 horas, representarase Tres Reis e un feitizo, con Mr. Brandon, Marcos Waldemar e Nacho Samena, na Carpa de Nadal.

O mércores 31 de decembro celebrarase a tradicional Milla Urbana ás 18:00 horas polas rúas de Sarria. Xa no mes de xaneiro, o venres día 2 terá lugar un obradoiro xuvenil con Antía Yáñez ás 17:30 horas na Biblioteca Camilo Gonsar e un encontro coa autora ás 19:00 horas na Casa da Cultura. O sábado 3 de xaneiro, ás 12:00 horas, desenvolverase un obradoiro de receitas na Casa da Cultura, mentres que o domingo 4 de xaneiro acollerá o concerto da véspera de Reis da Banda Comarcal de Sarria ás 12:30 horas na Casa da Cultura.

A programación pecharase o luns 5 de xaneiro coa Cabalgata dos Reis Magos de Oriente, que percorrerá pola mañá, de 10:30 a 13:30 horas, as parroquias rurais de Sarria e pola tarde, a partir das 18:00 horas, as rúas da vila.

⚙ Configurar cookies
0.071160078048706