Sarria programa actividades culturais antes da programación oficial do Nadal 2025

O Concello de Sarria vén de dar a coñecer a axenda cultural que se desenvolverá nos vindeiros días, unha serie de actividades que servirán como antesala á presentación oficial da programación de Nadal para 2025. A oferta abrangue teatro, música, literatura e propostas destinadas tanto ao público infantil como ás familias e á veciñanza en xeral.
A primeira das citas terá lugar o venres 12, ás 20.00 horas, cando a actriz Isabel Risco suba ao escenario da Casa da Cultura co seu espectáculo As aventuras de Nabiza Girl: o estraño caso da cultura minguante.
A música tomará o relevo o domingo 14, ás 12.30 horas, coa actuación da Banda de Música da Comarca de Sarria, tamén na Casa da Cultura.
A semana continuará o luns 15, ás 17.30 horas, cun concerto conxunto da Minibanda e do Coro de Linguaxe Musical da ESMUSA na Residencia de Anciáns Nosa Señora do Carme. O martes haberá dobre proposta: ás 17.30 horas, ambas formacións repetirán actuación no CAPD de Sarria, e de 19.00 a 21.00 horas celebrarase a última sesión do obradoiro de escrita creativa.
O mércores 17 chegará cargado de iniciativas culturais. De 17.30 a 18.30 horas terá lugar o último Mércores de Contos do ano, unha tarde pensada para os máis pequenos arredor da maxia da literatura e o pracer de narrar historias, sen necesidade de inscrición previa. Xa ás 19.00 horas, a Casa da Cultura acollerá o concerto de Nadal da ESMUSA, coincidindo no horario co último encontro anual do Clube de Lectura da Biblioteca Camilo Gonsar.
A programación desta quenda pecharase o venres 19, ás 19.00 horas, cun novo concerto de Nadal da ESMUSA na Casa da Cultura.