Sarria proxectará o documental sobre a historia de Manuel Díaz González, o médico dos pobres
Este sábado 2 de decembro os veciños de Sarria poderán gozar da proxección do documental centrado na vida de Manuel Díaz González, coñecido como o médico dos pobres ou O Pequeniño do Incio. A cinta ‘O médico dos pobres’ poderá verse a partir das 19.00 horas na Sociedade Cultural La Unión.
O documental sobre o último alcalde republicano do Incio, asasinado polos falanxistas en 1936, está impulsado pola asociación A Memoria é Náufraga e dirixido por Federico Rioboo. A produción recupera a memoria dunha figura de transcendencia para a vida social e política do Incio cando se cumpren 87 anos da súa morte.
Porén, o médico e político tamén deixou a súa pegada en Bóveda, pois foi neste Concello onde tivo o seu último refuxio antes de ser apresado e executado en Castilla da Serra. Concretamente, agochouse nunha casa de Xullán, coñecida hoxe en día como A Casa da Memoria, unha antiga casa de farmacéuticos con máis de 150 anos de historia, onde a asociación promotora da película conta coa súa sede.
A través deste traballo, que está baseado no libro Siempre y memoria - muerte y evocación de un médico republicano de José Luis Díaz Gómez, o colectivo pretende divulgar a relevancia desta personaxe que foi todo un exemplo de profesionalidade e vocación de servizo para os veciños.
Para poder levar a cabo o proxecto contaron co apoio económico da Deputación de Lugo e A Coruña así como tamén coa axuda de varios donantes a través dunha campaña de colaboración na que xuntaron máis de 3.000 euros.