Sarria reafirma o seu compromiso contra a violencia machista cun acto institucional

O Concello de Sarria reafirmou a súa repulsa a todas as formas de violencia machista e o seu compromiso cun futuro en igualdade nun acto institucional celebrado fronte á casa consistorial. Durante a convocatoria, o municipio subliñou que as vítimas “non son cifras”, lembrando que detrás de cada dato existen vidas e historias arrebatadas por unha violencia estrutural que continúa presente na sociedade.
Desde a institución, condenouse con firmeza cada agresión e tamén aquelas voces que negan ou minimizan a violencia de xénero, advertindo de que negar a súa existencia supón contribuír á súa persistencia. O Concello incidiu en que as administracións teñen a responsabilidade de acompañar, protexer e educar para avanzar cara a unha sociedade máis xusta e igualitaria.
Este ano, Sarria sumouse ao lema “Sementa, florece e plántate contra a VX”, unha mensaxe que simboliza a importancia de educar na igualdade, favorecer o apoderamento das mulleres e plantarse con firmeza ante calquera manifestación de violencia.
No acto lembrouse ás mulleres que xa non están, expresouse apoio a aquelas que sofren e reafirmouse o compromiso coas xeracións futuras para continuar loitando día a día contra a violencia machista. O municipio concluíu cun desexo común: unha Sarria libre de violencia de xénero.