Sarria recibe 240.000 euros para a rehabilitación dun inmoble

SarriaXa
Sarria contará cunha axuda de 240.000 euros para a restauración dun inmoble de titularidade municipal situado na rúa Maior.
rua maior sarria
21 Xuño 2021

Sarria contará cunha axuda do programa de rehabilitación de vivendas de titularidade municipal de 240.000 euros para a restauración dun inmoble de titularidade municipal situado nunha parcela da rúa Maior para habilitar cinco vivendas. Trátase dunha edificación de pedra que se atopa en estado ruinoso despois de ter sido obxecto de varios incendios no ano 2019, e na que a Administración local prevé levar a cabo unha actuación integral. 

Estas axudas teñen como finalidade facilitar que os concellos que teñen demanda de vivenda de promoción pública poidan crear un parque residencial para ofrecelo en réxime de arrendamento. 

Características do programa 

O programa de rehabilitación de vivendas de mestres, outros oficios e outras vivendas de titularidade municipal está dirixido a facilitar aos concellos a creación dun parque público de vivenda municipal en réxime de alugueiro, ao tempo que fomenta a rehabilitación de inmobles xa existentes.

Poden acceder a estas axudas os concellos de menos de 20.000 habitantes que teñan veciños inscritos no Rexistro de Demandantes de Vivenda de Galicia (polo menos tantos como vivendas se pretende rehabilitar). 

Unha vez rehabilitadas, as vivendas destinaranse, en réxime de alugamento, a unidades de convivencia con escasos recursos económicos (menos de 2,5 veces o Iprem) durante un prazo non inferior a 20 anos.

A axuda da Xunta ascende ao 90 por cento do custe da actuación, cun límite de 40.000 euros por vivenda, que se pode incrementar ata os 48.000 euros se están emprazadas en ámbitos históricos ou dos Camiños de Santiago. 

0.067775964736938