Sarria rendeu homenaxe aos seus maiores cunha festa que reúniu máis de 480 veciños

O Concello de Sarria celebrou este domingo a décimo novena edición da Festa dos Maiores, unha cita xa consolidada no calendario local e que serviu como unha gran homenaxe a todos os veciños xubilados do municipio. Máis de 480 persoas participaron no xantar celebrado no pavillón dos institutos, onde se recoñeceu o esforzo e a traxectoria de toda unha vida dedicada ao traballo e á comunidade.
Durante a comida, o Concello fixo unha mención especial ás oito parellas que este ano celebran as súas vodas de ouro, simbolizando o valor da convivencia, do compromiso e do amor duradeiro. Entre os asistentes estivo tamén unha ampla representación da Residencia Nosa Señora do Carme, que non quixo perder esta cita tan significativa para o colectivo de persoas maiores de Sarria.
A xornada estivo amenizada pola Asociación Cultural Peleriños, que encheu o pavillón coa súa música tradicional, creando un ambiente festivo e cheo de emocións compartidas. A festa concluíu coa actuación da Banda de Música de Sarria, que puxo o broche final a unha tarde de homenaxe, gratitude e celebración da experiencia.