Sarria renderá homenaxe a Jorge López no primeiro aniversario do seu pasamento cunha xornada xacobea

SarriaXa
Esta actividade consistirá nun percorrido desde a sede da Asociación que presidía Jorge López ata o Concello de Sarria, onde terá lugar un acto institucional
sarria-jorge-lopez-asociacion-amigos-camino-santiago
16 Jun 2025

Jorge López Rodríguez, histórico presidente da Asociación de Amigos do Camiño de Santiago na Comarca de Sarria, será homenaxeado o vindeiro sábado, 12 de xullo, con motivo de cumprirse ese día o ano do seu pasamento.

Esta actividade consistirá nun percorrido desde a sede da Asociación que presidía Jorge López ata o Concello de Sarria, onde terá lugar un acto institucional. Despois, as persoas participantes xuntaranse para celebrar un xantar conxunto nun establecemento da vila de Sarria.

Así, ás 11:30 horas comezará a peregrinación simbólica en recordo de Jorge entre a Oficina de Acollida ao Peregrino
de Sarria e a Casa do Concello polo Camiño Francés, ata chegar ao Salón de Plenos do Concello de Sarria ás 12.30 horas. Despois das intervencións das autoridades, ás 14:15 horas terá lugar a comida de irmandade en Pendellos do Campo da Feira.

Desde a organización, a Asociación de Amigos Peregrinos do Camiño de Santiago en Lalín, agradecen "o enorme apoio recibido de asociacións xacobeas de toda Galicia e España, e nalgún caso, do estranxeiro. Así como de particulares e xentes do Camiño que o coñecían e que mantiñan contacto con el desde os máis insospeitados lugares. Tamén, por suposto, agradecer o apoio da propia Asociación de Amigos do Camiño da Comarca de Sarria, que el encabezou, do Concello, que participa de xeito activo na homenaxe e cede o seu salón de plenos para o acto central, e de Cruz Vermella".

Ademais, lembran que "o programa de actos está aberto a todo o mundo, de xeito libre, sen necesidade de ter que confirmar asistencia. Iso si, no caso da comida de irmandade será necesario adquirir o vale correspondente e o prezo da comida é o establecido pola pulpería, a que queremos agradecer a súa disposición", explican.

Este evento contará con diversas entidades participantes: Concello de Sarria, Mancomunidade de Municipios Galegos do Camiño de Santiago, Concello de Triacastela, Federación Galega de Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago, Federación Española de Asociaciones de Amigos del Camino de Santiago, Camino Francés Federación, Fraternidad Internacional del Camino de Santiago, Asociación de Amigos do Camiño de Santiago da Provincia de Lugo, Asociación de Amigos del Camino de Santiago de Uclés-Cuenca, Asociación Peregrinos por Cantabria, Asociación de Amigos del Camino de Ávila, Asociación de Amigos del Camino de Shikoku (Shikoku Henro, Japón), APECSA. Asociación de Periodistas e Estudosos do Camiño de Santiago, Grupo Xacobeo Sarria, APACA. Asociación Protectora de Animales del Camino de Santiago, AGALBER. Asociación Galega de Albergues Privados, MACMA. Asociación de Mujeres Afectadas de Cáncer de Mama, Asociación KIÔDÔ, Gaiteiros de Goián.

⚙ Configurar cookies
0.15242004394531