Sarria reorganiza o tráfico do Barrio Andión a partir do 25 de marzo
O Concello de Sarria informou a través das súas redes sociais dunha reorganización do tráfico no Barrio Andión que será efectiva dende o vindeiro venres 25 de marzo.
Desta forma, as Rúas do Murallón, Rosalía de Castro e Frei Luís de Granada pasarán a ser vías de sentido único de circulación. Así a rúa Murallón pasa a ser de sentido único ascendente, en dirección a Frei Luís de Granada, a rúa Rosalía de Castro será de sentido único cara a rúa Calexa e a rúa Frei Luís de Granada, será de sentido único cara a rúa Calexa. Por outra banda, a rúa Padre Sarmiento seguirá sendo de dobre sentido de circulación.
Ademais, sinalizaranse novos pasos de peóns e cambiaranse outros e producirase un cambio de sinalización tanto vertical como horizontal.
Estas modificacións a cargo do plan de asfaltado e mellora das vías municipais permitirán aparcar en ambos os dous lados das rúas.
Dende o Concello piden prudencia e atención, que non se conduza de memoria e estean atentos á nova sinalización, recordando que a velocidade máxima permitida é de 30 km/h.