Sarria reúne a un milleiro de persoas nunha intensa fin de semana de cultura, motor, deporte e gastronomía

Sarria foi o escenario de catro grandes eventos esta fin de semana que fixeron que arredor dun milleiro de persoas se achegaran á vila para desfrutar da Feira de Turismo do Eixo Atlántico, Expocidades, a Feira de Antigüidades e Restauración de San Lázaro, o III Rally de Regularidade Vila de Sarria e a Pretorian Race Sarria Xtreme.

Con respecto á Expocidades, converteu Sarria nun gran expositor de produtos gastronómicos, de cultura e música de 28 localidades galegas, de España e Portugal, que ofreceron, nos seus postos da praza da Vila, información, degustacións e experiencias únicas. Estas foron Betanzos, Braga, Bragança, Culleredo, Deputación de Lugo, Fafe, Felgueiras, Foro Termal do Eixo Atlántico, Guimarães, Maia, Matosinhos, Monforte de Lemos, Narón, O Barco de Valdeorras, Póvoa de Varzim, Ribeira, Santa Maria da Feira, Turismo Porto e Norte de Portugal, Valongo, Viana do Castelo, Vila do Conde, Vila Nova de Famalicão, Vila Nova de Gaia, Vila Real e Vilalba, ademais da localidade anfitrioa.
Así, durante a fin de semana, Sarria converteuse na capital do viño, así como acolleu diversas actuacións musicais, como as dos grupos tradicionais Peleriños e Meigas e Trasgos, pero tamén estivo o grupo Eoas e a actuación do grupo Clarisaxos. Ademais, houbo talleres, maxia e estivo moi presente Matías López cunha gran exposición dos carteis publicitarios da época.

Pola súa parte, a XXVIII Feira de San Lázaro de Antigüidades e Restauración foi todo un éxito, enchendo a rúa Porvir de Sarria de decenas de postos nos que se puideron ver pezas de colección inesquecibles.
Así, estiveron presentes Pablocompraventa, Carpintería de Alejandro Antigüedades, Porvir 39, El Baúl de Cova, Mercado Tía Ni. ibro Caravan, Antiguallas, Rural o Urbano, Lola Ribeira, Antigüedades Manuel Calzada, Vintage, Antics, Relics; Fusión Antigüidades e Gastronomía, Colisevm Antigüedades y Coleccionismo, Asociación Anticuarios e Restauradores de Sarria e Asociación de Amigos das Feiras de Antigüidades e Coleccionismo.
Ademais, houbo diferentes actividades, como obradoiros e demostracións de bonsais, cerámica, talla, costura creativa e bolillos en diferentes postos.
Entre os participantes, destaca a de Julio Páramo, que presentou á cidadanía o seu proxecto do Museo Paixón Motor Slot que formará parte do ocio e cultura sarriá cando se instale na Praza de Abastos, tal e como se aprobou en pleno.

Con respecto ao III Rally de Regularidad Vila de Sarria organizado polo Club Clásicos tamén sumou unha edición exitosa ao sumar 49 coches clásicos participantes nunha edición na que percorreron as estradas da comarca de Sarria, sendo a vila o lugar onde estiveron expostos, tamén, eses vehículos para o desfrute das persoas afeccionadas ao clásico.
Desde o Arenteiro Club Clásicos celebraron os resultados deste Rally, xa que o equipo da escudaría, Luciano Duarte e Begoña Alfaro, acadaron a vitoria no III Rallye Vila de Sarria. Ademais, no terceiro chanzo do podio estiveron tamén Ana Alfaro e Paco Álvarez cun VW Golf. Aínda dentro do top dez da clasificación, no sexto lugar, estivo Daniel Crespo co BMW E21, nesta ocasión acompañado por Santiago Ruibal.
Finalmente, a Pretorian Race Sarria Xtreme volveu congregar gran número de participantes a pesar de que o tempo foi inestable. Porén, as centos de persoas participantes non o dubidaron e lanzáronse á superar a carreira de obstáculos que se instalou no campo de rugby.