Sarria: Ruta ata Portomarín polo Camiño de Santiago
Esta ruta de 22 quilómetros e cunha duración aproximada de 4 horas e media ten unha dificultade media-alta, segundo as capacidades físicas da persoa.
Unha das rutas de sendeirismo máis coñecidas de Sarria é a que vai polo Camiño Francés do Camiño de Santiago cara a Portomarín e está moi ben sinalizada a través de diferentes sinais verticais que se poden atopar no percorrido.
Para comezar a ruta, hai que saír de Sarria a través da ponte Áspera, camiño de Barbadelo. De paso, pódese desfrutar dalgúns dos elementos máis interesantes da vila; pasando pola rúa Maior de Sarria, a igrexa Santa Mariña, a de Salvador, a torre da antiga muralla e o convento da Madanela. Tras abandonar o centro urbano, unha baixada moi pronunciada conduce ata a ponte da Áspera.
Ao cruzar a ponte, séguese o traxecto da vía do tren durante un quilómetro, aproximadamente ata chegar a un cruzamento no que hai que subir a costa máis dura da ruta. Despois, hai un camiño chairo que leva ata Barbadelo, onde se pode visitar a súa igrexa de Santiago.
Esta parte da ruta é a que máis dificultade ten, por iso, a pesar de ser só pouco máis de 4 quilómetros, o percorrido dura aproximadamente unha hora.
Despois de pasar Barbadelo, continúase a ruta cara a Rente a través dun camiño asfaltado. Así, pásase polo Mercado da Serra e despois o camiño pasa da estrada a un camiño con árbores e ao redor de arroios, beiravías e vereas de pedra.
Nesta etapa da ruta poderase desfrutar dunha fonte decorada con Pelegrín, a mascota del Xacobeo 93 e máis adiante poderanse ver as portas do Muíño de Marzán, do ano 1920. E pouco despois haberá que cruzar a estrada LU-633 para pasar Leimán, cun mesón xunto ao camiño.
Peruscallo é a seguinte parroquia pola que se pasa, na que predominan os hórreos, e xa se volve ao camiño por medio da natureza, a través de carballeiras e prados e percorrendo Lavandeira, Casais, A Brea e Morgade; chégase tras unha dura subida a Ferreiros, a primeira parroquia do Concello de Paradela.
Este tramo do camiño é máis longo que o anterior, xa que ten unha lonxitude de 9 quilómetros, que se poden facer en menos de dúas horas debido a que a dificultade é baixa.
Este último tramo da ruta, que vai desde Ferreiros ata Portomarín, unha lonxitude de algo máis de 8 quilómetros, vai todo en descenso, polo que é ameno e rápido, faise en aproximadamente hora e media.
Así, tomando un desvío da estrada á entrada de Francos, séguese por un camiño pedregoso no que predominan as baixadas e se poden ver numerosas pequenas aldeas. No val vanse alternando prados con construcións típicas de teitos de lousa. Deixando atrás o camiño de pedras, chégase a nunha estrada desde onde se pode ver o encoro de Belesar.
Cruzando a ponte sobre o encoro, o camiño xa entra no pobo de Portomarín por unhas escaleiras que se atopan xusto fronte da estrada e que conducen ao centro do lugar.
Ao chegar a alí xa se pode visitar o albergue, as igrexas de San Pedro e de San Nicolao, e a praza do Concello de Portomarín, unha de grande atractivo turístico.
Desta maneira, a ruta podería resumirse nun camiño entre carballeiras e prados ata Paradela e que logo descende cara ás ribeiras do Miño para cruzar a ponte que conduce á vila de Portomarín.