Sarria será foro de debate sobre a reforma da Xustiza na sociedade do século XXI

SarriaXa
As XVIII Xornadas Xurídicas ‘Román García Varela’ reuniran a expertos do ámbito xudicial estatal e internacional do 4 ao 6 de xuño na Casa da Cultura
Inauguración-Xornadas-Xurídicas-de-Sarria-2024
31 May 2025

A vila de Sarria converterase a vindeira semana nun punto de encontro destacado para o pensamento e a análise xurídica coa celebración das XVIII Xornadas Xurídicas ‘Román García Varela’. Do 4 ao 6 de xuño, a Casa da Cultura acollerá esta cita anual de referencia no ámbito legal, que este ano centrará a súa atención nos retos da reforma da Xustiza nunha sociedade en transformación como a do século XXI.

O encontro, promovido polo Concello de Sarria e integrado no programa de Formación Continua do Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX), reunirá unha trintena de xuíces e xuízas procedentes de diferentes comunidades autónomas. A inauguración correrá a cargo do expresidente do Tribunal Supremo, Francisco Marín Castán, mentres que o acto de clausura será presidido por Cándido Conde Pumpido, actual presidente do Tribunal Constitucional.

Durante tres intensas xornadas, as persoas participantes afondarán en cuestións clave para o futuro do sistema xudicial, como a separación de poderes, a lexitimidade democrática da xustiza, a independencia xudicial ou os desafíos estruturais e organizativos dunha reforma pendente. Outros temas de análise serán as novas competencias dos xulgados de violencia sobre a muller, o papel dos Medios Adecuados de Solución de Controversias (MASC) e os riscos inherentes ao uso das novas tecnoloxías no ámbito xurídico.

A dirección das xornadas recae un ano máis en dúas figuras de recoñecido prestixio: o letrado da Administración de Xustiza Román García-Varela Iglesias e o catedrático de Dereito Mercantil Carlos Lema Devesa. Entre os relatores destacan nomes como un expresidente do CXPX, maxistrados e maxistradas do Tribunal Supremo, antigos responsables do Tribunal Constitucional, o presidente da Sala Anticorrupción da Corte Superior de Xustiza de Lima, a coordinadora do proxecto de implantación dos Tribunais de Instancia, a exdirectora da Axencia Española de Protección de Datos e o presidente do Consello Consultivo.

Alén da participación presencial, as sesións poderán seguirse en directo de maneira telemática a través do centro asociado da UNED en Lugo, facilitando así o acceso ao coñecemento a profesionais e estudantes que non poidan desprazarse a Sarria.

As xornadas, que naceron no ano 2007 por iniciativa do maxistrado Román García Varela, manteñen viva a súa memoria desde o seu pasamento en 2013, consolidándose como un espazo de reflexión xurídica de referencia no noroeste peninsular. Esta décimo oitava edición dará comezo o mércores 4 de xuño ás 16:00 horas.

⚙ Configurar cookies
0.13567900657654