Sarria será o punto de referencia das dúas primeiras etapas da Volta a Galicia

SarriaXa
O vicepresidente da Deputación de Lugo, Efrén Castro, e o presidente da Federacion Galega de Ciclismo, Juan Carlos Muñiz, presentaron as etapas da proba na rúa Maior de Sarria
Volta-a-Galicia-en-Sarria
8 sep 2024

A Volta a Galicia percorrerá un ano máis a xeografía lucense, co apoio da Vicepresidencia da Deputación de Lugo e Sarria será o punto de referencia das dúas primeiras etapas da proba, que reúne os mellores ciclistas das categorías Sub-23 e Elite e que se celebrarán o 12 e o 13 de setembro.

O vicepresidente da Deputación de Lugo, Efrén Castro, e o presidente da Federacion Galega de Ciclismo, Juan Carlos Muñiz, presentaron as etapas lucenses da proba na rúa Maior de Sarria.

Efrén Castro explicou que “desde a Vicepresidencia da Deputación de Lugo renovamos o apoio á Volta a Galicia, apostando de novo polo ciclismo como plataforma para amosar a riqueza natural e patrimonial e dinamizar económica e socialmente Sarria e o resto da comarca e do interior de Lugo, pola loxística e o público que trae consigo”.

Tamén destacou  a relevancia deportiva da proba para ciclistas que aspiran a unha carreira deportiva profesional. Neste sentido subliñou que “o apoio á proba pretende contribuír ao fortalecemento dunha estrutura deportiva, unha rede de clubs, competicións e público,  que fomente a práctica desta modalidade e que ofreza aos ciclistas e ás ciclistas do país un itinerario de crecemento competitivo”.

Así, a Vicepresidencia da Deputación de Lugo achega 12.000 euros para a organización da etapas lucenses da Volta a Galicia,  un escaparate para ciclistas das categorías Elite e Sub 23, que preparan o salto ao ciclismo profesional.

Nesta vixésimo segunda edición, con outras dúas etapas en distintos puntos de Galicia (Xinzo de Limia e Sanxenxo) participan 112 ciclistas de 16 equipos.

Desenvolvemento das etapas de Sarria

A primeira etapa da Volta a Galicia será o día 12 de setembro, xoves, e consistirá nunha contrarreloxo individual con saída na rúa da Liberdade e chegada na rúa Maior (fronte á Igrexa de San Salvador), e un percorrido de 7,1 quilómetros pola vila e a contorna da localidade. A proba comezará ás 18.00 horas.

Pola súa parte, a segunda etapa será o venres 13 e o trazado deseñado, con chegada e saída na rúa da Liberdade, conta con 160 quilómetros nos que os ciclistas percorrerán tamén outros concellos das comarcas de Sarria e Lugo como Samos, Láncara, O Páramo, O Corgo, Castroverde, Baralla e Lugo (Nadela). A proba iniciarase ás 12.00 horas cunha saída neutralizada.

Trátase dun itinerario de media montaña con terreo bastante rápido e rompepernas, con Montán (Samos) e Sobrado (Baralla), portos de terceira categoría, como puntos máis altos do circuíto.

0.17782688140869