Sarria únese ao día do Orgullo LGTBIQ+ cun acto institucional na Praza da Constitución

O Concello de Sarria súmase, un ano máis, á conmemoración do Día Internacional do Orgullo LGTBIQ+, que se celebra o 28 de xuño desde o ano 1970 como símbolo da loita polos dereitos e liberdades do colectivo.
Con este motivo, esta tarde, ás 19:15 horas terá lugar un acto na Praza da Constitución, onde a concelleira de Políticas Sociais e Igualdade, Ana Isabel Vergara, procederá á lectura dun manifesto en defensa da diversidade sexual e do dereito a vivir a sexualidade con liberdade.
A iniciativa insírese no compromiso institucional do municipio coa igualdade e a visibilidade das persoas LGTBIQ+, poñendo en valor tanto a memoria histórica do movemento como os retos actuais fronte á discriminación e á violencia por razón de orientación ou identidade.
Durante o acto tamén se lembrará a existencia do Servizo 028 Arco da Vella, unha liña telefónica de atención gratuíta, confidencial e dispoñible as 24 horas do día, os 365 días do ano, que ofrece información, asesoramento xurídico e apoio psicosocial inmediato a persoas LGTBI e ao seu entorno fronte a calquera forma de LGTBIfobia.