Sarria vibrará coa Verbena Fest: dous días de música e celebración sen filtros

Sarria prepárase para vivir unha nova edición da Verbena Fest, un evento que volve este verán cun formato renovado e dúas xornadas de música ao aire libre, celebración compartida e moitas emocións. A cita será os días 1 e 2 de agosto e ofrecerá un cartel composto por dez bandas e artistas, entre grupos emerxentes e nomes consolidados, distribuídos en distintos escenarios da vila.
O venres 1, a programación comezará no Escenario Meigallo, onde a música soará de balde da man de De Ninghures, Alison Darwin e Saha & Ryu, tres propostas que combinan frescura, talento e moita enerxía.
O sábado 2 de agosto a actividade arrincará ao mediodía co vermú musical no Escenario Don Pepe, tamén con entrada libre. Alí actuarán Veciños, Montedepena e Grande Osso, animando a mañá cun repertorio variado e festivo.
Xa pola noite, o Escenario Meigallo volverá acoller a sesión máis potente do festival, con concertos de Cala Vento, Ortiga, Shego, El Chico López, Louband e novamente Grande Osso. Para esta segunda parte da xornada, a entrada será de pago, ofrecendo unha experiencia máis intensa e completa para o público asistente.
Desde a organización destacan que Verbena Fest é “moito máis ca un festival; é un espazo de encontro que mestura o espírito das verbenas tradicionais co ritmo e o carácter da música contemporánea, sen perder as raíces locais”.
Luces, boas vibracións, e sobre todo música sen filtros farán de Sarria un dos puntos máis atractivos do verán cultural galego. A festa está servida.